O nacionalismo abordará en asemblea aberta o xeito de concorrencia ás eleccións xerais
Están convocadas asembleas en Lugo, Sarria e Vilalba, nas que se presentará unha proposta política para defender unha candidatura galega
Lugo, 14 de setembro de 2015. A responsabel comarcal do BNG de Lugo, anunciou para esta semana a convocatoria de 3 asembleas na comarca de Lugo para debater sobre a concorrencia das forzas políticas galegas ás eleccións xerais deste ano 2015. Esther López informou que a primeira delas será en Lugo mañá martes 15 de setembro ás 20:00 no local comarcal do BNG na rúa Miguel de Cervantes. As outras dúas xuntanzas terán lugar en Vilalba o xoves día 17 de setembro ás 20:00 horas no Hostal Terra Chá e en Sarria o venres día 18 de setembro ás 21:00 horas na Casa da Cultura.
Esther López explicou que nestas xuntanzas presentarase a propostas política aprobada polo Consello Nacional do BNG coa intención de promover un amplo proceso social que ten como finalidade a de articular unha candidatura nacional galega de unidade. López sinalou que imos contribuír a que sexa o máis ampla e o máis profunda posible esa integración e esa confluencia de diferentes iniciativas, plataformas e forzas políticas
A responsable do BNG animou á confluencia da unidade electoral en clave de país e informou que o BNG iniciará unha campaña de socialización da súa aposta pola candidatura galega de unidade que promove desde fai meses, -mesmo renunciando as súas siglas-, que se debaterá en asembleas abertas por todas as comarcas coa participación da militancia e de todas as persoas sen adscrición partidaria que queiran sumarse ao debate.
Esta iniciativa complementase cunha campaña informativa sobre as vantaxes para Galiza de ter unha representación potente en Madrid, -como a que daría un grupo parlamentario propio-, en base á experiencia do traballo do BNG no Congreso nos últimos vinte anos, indicou López, e explicar os grandes retos que ten o noso país na súa relación co Estado.
Nestas asambleas trataremos de clarificar e compartir coa xente porqué é crucial que o país teña unha gran representación para defender os nosos intereses, un modelo social e económico que nos permita saír da crise, defender os nosos sectores produtivos para xerar emprego e frear a sangría migratoria como consecuencia das políticas nefastas que aplica o PP, argumenta a dirixente nacionalista.