O BNG-Asembleas Abertas propón dedicar rúas de Lugo a deportistas olímpicos
Para Rubén Arroxo Lugo é unha potencia olímpica en moitos deportes, non pode ser que esa xente sexa unha descoñecida
Lugo, 29 de agosto, 2015. O BNG - Asembleas Abertas propón que en canto se precise de poñer novos nomes ao rueiro se teñan en conta as persoas de Lugo que participaron nuns Xogos Olímpicos. En opinión da organización nacionalista é un aspecto totalmente esquecido neste concello. Para Rubén Arroxo Lugo é unha potencia olímpica en moitos deportes, non pode ser que esa xente sexa unha descoñecida. O concelleiro nacionalista quíxose lembrar do importante número de homes e mulleres que conseguiron estar presentes no máximo espectáculo deportivo a nivel mundial son persoas que serven de referencia ás nenas e nenos que se inician no deporte e que levaron o nome de Lugo polo mundo adiante, polo que darlles este simbólico recoñecemento, que á vez serve para dalos a coñecer é algo de mínimos.
Rubén Arroxo tamén quixo apuntar que, dentro do mundo do deporte, Lugo é unha cidade que a nivel galego e incluso estatal está considerada como un referente tanto en canto a logros deportivos, como na promoción que fan os clubs e adestradores moitas veces se valoran máis dende fóra que dende a xente que vivimos aquí, existen veciñas e veciños en Lugo que descoñecen que tivemos deportistas olímpicos, cando temos un grupo considerable
O portavoz nacionalista tamén quixo manifestar que todo o que sexa impulsar e promover o deporte estará a mellorar a nosa sociedade o deporte leva a hábitos saudables, sociais e éticos que non se atopan noutros espazos, de aí a importancia de normalizalo e darlle impulso alí onde se poida. En continuidade con isto tamén aproveitaron dende o grupo nacionalista para promover dende o goberno municipal un documento explicativo da historia dos diferentes deportes de Lugo para poder repartir entre os colexios con este documentos os nenos e nenas poderán coñecer a historia deportiva da súa cidade e resultaralles máis doado achegarse a este mundo.