O VOCEIRO DO BNG LEMBROU QUE NO PLENO DE XANEIRO DE 2016 SE ANUNCIARON MEDIDAS PARA CORRIXIR AS PERDAS QUE XENERA O CICLO DE AUGA

“Nin contadores dixitais, nin reforzo da plantilla nin nova cartografía na xestión da auga”

“Preguntaremos pola cantidade de auga que desaparece dende que sae dos depósitos ata que chega aos contadores, por que creemos que hai fraudes importantes” afirmou Arroxo

“Nin contadores dixitais, nin reforzo da plantilla nin nova cartografía na xestión da auga”
Lugo, 18 de maio 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que ademais das perdas e filtracións e dos contadores que non funcionan correctamente podería haber empresas e industrias que provoquen fraudes no consumo de auga. Arroxo insistiu na necesidade de que se artellen, dende o goberno municipal, mecanismos para controlar o fraude e evitar as perdas. Ademais dende o BNG-AA pídese que se faga público cales son as perdas que se provocan por fraudes no ciclo da auga.

Arroxo lembrou que “en xaneiro de 2016 anunciáronse, no transcurso do pleno, medidas para mellorar e modernizar o control do consumo de auga”. Entre as medidas anunciadas estaba o reforzo da brigada municipal de augas para facer as tarefas de mantemento da rede, a revisión da xestión de abonados e a realización dunha nova cartografía da rede. “Nin contadores dixitais, nin reforzo da plantilla nin nova cartografía na xestión da auga” dixo Arroxo que anunciou que presentará na comisión de Infraestruturas polo desenvolvemento destas medidas anunciadas polo goberno socialista.

Para o BNG-AA “un dos maiores desfases económicos existentes no concello de Lugo corresponde á diferenza entre gastos e ingresos na xestión do ciclo da auga”. “A pesares de que é certo que sempre existe unha porcentaxe de perdas por filtracións e fugas no caso do concello de Lugo a deficiente xestión leva a unhas perdas difíciles de explicar” sinalou Rubén Arroxo. Dende o BNG-AA pedirase que se fagan públicos os datos concretos sobre estes desfases e sobre as medidas que o goberno municipal ten pensado tomar para atenualos.

“Outra das cuestións que nos anunciou o edil de infraestruturas foi a instalación de contadores dixitais para mellorar o control do consumo” lembrou Arroxo, que sinalou “dubidamos moito da intención de levar a cabo esta medida por que dende o goberno non se fixo nada para poñela en marcha”. Neste momento unha das prioridades sería mellorar os medios de control e inspección para frear as perdas que crean un agravio compartivo “entre quen paga e quen non pagua”. Rubén Arroxo afirmou que “toda a auga que se consume e non se cobra provoca un incremento da factura da auga para todas e todos os lucenses”

“Nin contadores dixitais, nin reforzo da plantilla nin nova cartografía na xestión da auga”