O VOCEIRO DO BNG-AA SINALOU QUE “ESTE ANO NON SE FIXO NINGÚN TRÁMITE DENDE O CONCELLO PARA A CONTRATACIÓN DE SOCORRISTAS QUE VIÑAN PRESTANDO VIXILANCIA NO CAUCE DO MIÑO”
“Nin zona pública de baño nin servizo de socorristas, o PSOE vive de costas ao río”
Arroxo avanzou que “presentaremos preguntas para saber se o concello solicitou as axudas que a Xunta da aos concellos para estas contratacións e que trámites se fixeron”
Lugo, 8 de xullo 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, ven de denunciar que este ano non se iniciou o procedemento para a contratación de socorristas para as zonas de baño do río Miño. Arroxo lembrou que “dende fai ano o Concello de Lugo establecía, durante o verán, un servizo de socorrismo nas zonas de baño do río Miño” e aclarou “normalmente prestaban servizo de vixilancia na zona comprendida entre a Fábrica da Luz e o Caneiro do Rei Chiquito”.
O pasado ano foron contratados un total de cinco socorristas que empezaron a traballar a partir do 9 de xullo e prestaron servizo durante os meses de xullo e agosto nas zonas recreativas fluviais. Neste ano aínda non se fixeron xestións para a contratación e Arroxo avanzou que “presentaremos preguntas para saber se o concello solicitou as axudas que a Xunta da aos concellos para estas contratacións e que trámites se fixeron”. “Queremos saber se a falta de socorristas durante este verán se debe tamén a intención do PSOE de negarlle aos lucenses a falta contar con estruturas e medios que doten dunha mínima seguridade as zonas públicas de baño” dixo Arroxo.
“Nin zona pública de baño nin servizo de socorristas, o PSOE vive de costas ao río” dixo Rubén Arroxo e apuntou “O BNG-AA ten un proxecto para este concello que integra o río como eixo vital do desenvolvemento da cidade, mentres que o PSOE nunca fixo nada para integrar o río na vida de lucenses e visitantes”. Arroxo sinalou que “neste ano o goberno municipal, ante a presión do BNG, inciou os trámites para instalar uns pantaláns nunha zona do río que non é a mellor e sendo sabedores de que os tempos da tramitación no ían ser suficientes para a súa posta en marcha este ano”.
Zona Pública de Baño
A partir desta semana, o BNG continuará as xestións para que, neste verán, Lugo teña un acceso ao río na zona pública de baño de As Saamasas. Despois de ter recibido a autorización da Confederación Hidrográfica e solicitado o permiso de instalación á Deputación, o BNG-AA continuará nesta semana coa tramitación de permisos e comunicacións para “o antes posible” instalar o acceso ao río na zona de As Saamasas. “Sabemos que os terreos son da Deputación e aínda que poderiamos actuar nos 5 metros que son custodia da Confederación Hidrográfica queremos facer as cousas ben” informou Arroxo e sinalou “queremos saber se o PSOE vai utilizar os goberno da Deputación e o Concello para paralizar unha proposta que demanda a veciñanza ou vai colaborar para que Lugo conte, dunha vez, con zona de baño”.