O VOCEIRO DO BNG-AA ANUNCIOU QUE PEDIRÁN EN COMISIÓN INFORMACIÓN SOBRE OS ATROPELOS SUFRIDOS NO CONCELLO DURANTE OS ÚLTIMOS 5 ANOS E SOBRE AS MEDIDAS PREVISTAS PARA EVITALOS
“No 2017 temos case unha media de un atropelo cada dous días e o goberno segue sen facer nada”
“Co modelo de mobilidade posto en marcha polo BNG en Pontevedra o número de atropelos nesta cidade é practicamente cero” asegurou Rubén Arroxo
Lugo, 10 de xaneiro 2017. O voceiro do BNG - AA, Rubén Arroxo, referiuse hoxe ao importante número de atropelos que sufren os peóns na cidade de Lugo. Arroxo dixo “case todos os días vemos na prensa novas que informan de atropelos en diferentes rúas da cidade pero o goberno non facilita cifras oficiais, por iso presentaremos unha pregunta en comisión para que saber que é o que está a suceder realmente”. “No 2017 temos case unha media de un atropelo cada dous días e o goberno segue sen facer nada” dixo Arroxo que lembrou “onte mesmo houbo dous atropelos en menos de hora e media”.
O voceiro do BNG-AA anunciou que pedirán en comisión información sobre os atropelos sufridos no concello durante os últimos 5 anos e sobre as medidas previstas para evitalos “entendemos que o goberno municipal estará preocupado por este asunto e terán algunha previsión para tentar frear esta lacra”. Rubén Arroxo destacou que “son accidentes, pero segundo que as políticas que se apliquen en materia de tráfico teñen repercusión e poden servir para invertir tendencias ou permitir que se continúen incrementanado como é o que sucede en Lugo coa inacción deste goberno municipal do PSOE”.
Rubén Arroxo dixo “nós levamos presentando propostas durante todo o mandato para que se tomen medidas de calmado do tráfico na cidade, se cree a mesa da mobilidade e se tome en serio este asunto”. Para o BNG – AA “o tráfico en Lugo funciona por si solo por unha falta de proxecto político para a cidade, non hai presenza policial por falta de mando da súa máxima responsabel que é alcaldesa e o único que se fixo foi poñer sinais luminosas nalgúns pasos de peóns que non serven para nada se non van acompañadas doutras medidas”. “Co modelo de mobilidade posto en marcha polo BNG en Pontevedra o número de atropelos nesta cidade é practicamente cero” asegurou Rubén Arroxo.
Rotonda de San Eufrasio
Arroxo lembrou que “recentemente pedimos que o concello se puxera dacordo coa Xunta para crear unha rotonda no enlace de San Eufrasio con Fontiñas e a realidade é tan teimuda que aos poucos días houbo un accidente máis neste enlace” e engadiu “non é unha proposta do BNG-AA ou doutros partidos que tamén a teñen solicitado, non é un motivo máis para que a alcaldesa se enfrenta ao PP da Xunta, é unha necesidade e a inacción conduce a que neste punto se produzan accidentes de tráfico, esta é a realidade”.