O VOCEIRO DO BNG-AA SINALOU QUE HAI UN ACORDO PLENARIO PARA PEONALIZAR ESTA VÍA E PEDIU QUE SE CORTE O TRÁFICO NOS DÍAS QUE XOGUE O CD LUGO “PARA EVITAR POSIBLES ATROPELOS”
“Non se fixo nada para peonalizar a Calzada no 2016, propoñemos que se corte o tráfico cando xogue o CD Lugo”
Arroxo reuniuse con seareiros e representantes de peñas do CD Lugo que, no pasado ano, xa trasladaran esta proposta á alcaldesa pero que foi ignorada
Lugo, 9 de xaneiro 2017. O voceiro do BNG - AA, Rubén Arroxo, pedirá que se corte o tráfico na parte baixa da Calzada da Ponte este vindeiro domingo e cada vez que xogue o C. D. Lugo “para evitar riscos e posibles accidentes”. Arroxo sinalou que “a nosa proposta é que se corte o tráfico tres horas antes dos partidos e unha hora despois, nesta zona na que se reunen centos de persoas que forman parte das afeccións que acoden ao Anxo Carro a ver os partidos”. Para o BNG-AA estes cortes, nos días de partido, sería unha boa oportunidade para experimentar o que suporá a futura peonalización da Calzada da Ponte.
Arroxo reuniuse con seareiros e representantes de peñas do CD Lugo que, no pasado ano, xa trasladaran esta proposta á alcaldesa pero que foi ignorada. “Parece irónico que dende o goberno municipal se lles contestara aos representantes das peñas que non se podían facer cortes nos días de partidos por que estaba pendente de executar a peonalización da Calzada” dixo Arroxo e aclarou que “para peonalizar a Calzada non se fixo nada durante o 2016 e sospeitamos que no 2017 tampouco se vai facer nada”.
O voceiro do BNG-AA sinalou que hai un acordo plenario para peonalizar esta vía “pero como moitos acordos plenarios este, tamén, foi ignorada polo goberno do PSOE”. A iniciativa, feita polo BNG-AA no primiero pleno deste mandato en xullo de 2015, de peonalizar a Calzada foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación. Arroxo dixo que “vemos, unha vez máis, como as propostas que fai o BNG-AA coinciden coas demandas reais da xente, o pleno danos a razón pero o goberno non executa os mandatos da representación do pobo”.