"DESDE O BNG TRABALLAREMOS PARA DEFENDER OS INTERESES DAS PRODUTORAS E PRODUTORES DESTE PAÍS A PARTIR DO 18 DE FEBREIRO CO CAMBIO DE GOBERNO NA XUNTA DE GALIZA", AFIRMOU OLALLA RODIL
Olalla Rodil anuncia unha lei galega do viño "adaptada ás particularidades do noso sector vitivinícola"
A candidata do BNG mantivo un encontro co presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra en Monforte de Lemos
"Desde o BNG traballaremos para defender os intereses das produtoras e produtores deste país a partir do 18 de febreiro co cambio de goberno na Xunta de Galiza", afirmou Olalla Rodil
Lugo, 31 de xaneiro de 2024. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo un encontro co presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra en Monforte de Lemos, onde anunciou que o BNG elaborará unha nova Lei Galega do Viño "acorde cunha nova política rural que aposte polo sector do viño e aborde os problemas que atravesa".
Rodil destacou "as distintas maneiras de producir viño, mesturando tradición e modernidade", e defendeu "un novo marco legal que apoie a todas as produtoras e produtores e que fomente os procesos de industrialización e comercialización no sector vitivinícola, especialmente nas pequenas adegas".
Na actualidade, Galiza Conta con máis de 10.000 viticultores, un sector que move máis de 200 millóns de euros ao ano. Na Ribeira Sacra hai preto de 2.000 viticultores, máis de 1200 hectáreas de terreo repartidas en 89 adegas, un sector que supón uns 19 millóns de euros na zona sur de Lugo.
"Desde a Xunta de Galiza debemos facilitar e incentivar tamén o relevo xeracional nesta actividade, unha acción que permitirá fixar poboación no rural, ademais de desenvolver os nosos montes de maneira sustentábel", afirmou Olalla Rodil, que engadiu "a Ribeira Sacra ten un gran potencial, e cunha lexislación axeitada e compromiso político por parte da administración, un novo futuro é posíbel".
Entre as propostas do BNG para o sector vitivinícola, atópase a reconstitución das disitnas Mesas do Viño, "unha ferramenta de interlocución do sector coa administración que permitirá unha mellor comunicación e resposta ante os problemas do sector", e o fomento das produccións ecolóxicas e o uso de infraestruturas verdes nos viñedos, "mellorando a biodiversidade e reducindo a pegada de carbono e hídrica, o que aumentará a sustentabiliade ambiental dos viñedos".
O BNG propón aproveitar a imaxe de Galiza desenvolvendo unha estratexia de promoción conxunta das zonas vitivinícolas e do enoturismo, tendo en conta as especificidades de cada comarca, e realizar un inventario cos viñedos máis antigos de Galiza, co fin de poñelos en valor, protexelos e favorecer a súa conservacion.
Pularase tamén pola creación de viveiros de pequenas adegas, espazos industriais asociativos das distintas DO e IXP co obxectivo de potenciar a elaboración directa por parte das persoas productoras, facilitando a transición cara a unha industrialización a pequena e mediana escala, ademais de facilitar a investigación de novos productos elaborados.