Olalla Rodil: “desde o BNG seguiremos traballando para que Lugo conte cun xulgado específico de violencia de xénero”
A deputada do BNG lamentou o voto en contra do Partido Popular no Parlamento de Galiza á creación deste xulgado específico en Lugo
Rodil: “esta é unha demanda histórica non só do BNG, senón do movemento feminista de Lugo”
Lugo, 30 de xuño de 2022. Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento de Galiza e deputada por Lugo, lamentou a postura mantida polo grupo do Partido Popular no Parlamento de Galiza ante a proposta do BNG para instar ao Estado á creación dun xulgado específico de Violencia de Xénero en Lugo. Olalla Rodil afirmou que “as deputadas e deputados do PP terán que explicar á veciñanza de Lugo as razóns polas que negan este servizo fundamental para as vítimas de violencia machista”.
A deputada do BNG afimou que “o BNG continuará a traballar para que Lugo conte con este xulgado, a pesar dos atrancos postos polo PP”, e destacou que esta é “unha reclamación histórica non só do BNG senón do movemento feminista de Lugo”.
O BNG aposta pola comarcalización do servizo e que, esta dependencia xudicial acollese todos os casos que se produzan en Lugo, permitindo que a atención se poida realizar nunha instalación próxima ás vítimas para reducir a perturbación que o proceso xudicial implica.
“Desde o BNG temos claro que as veciñas e veciños de Lugo temos que contar cos mellores servizos, especialmente na loita contra a violencia machista”, destacou Rodil.