Olalla Rodil: “débese preparar un plan de medidas hixiénico-sanitarias para o vindeiro curso”
A parlamentaria do BNG mantivo unha xuntanza con estudantes universitarias para coñecer de primeira man a situación de cara ao vindeiro curso
A parlamentaria reclamou ao goberno da Xunta que acumule as prazas da OPE 2020 á 2021
Lugo, 14 de maio de 2020. A deputada do BNG ao Parlamento de Galiza por Lugo, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza telemática con estudantes universitarias para coñecer, de primeria man, a situación do estudantado con respecto ao confinamento e as inquedanzas do colectivo de cara ao vindeiro curso escolar. Segundo Olalla Rodil, “a Xunta de Galiza debe actuar con responsabilidade e planificar o curso que vén, preparando un plan plan de medidas hixiénico-sanitarias para o ensino obrigatorio e universitario”.
“A Xunta de Galiza ten que garantir o distanciamento social e preparar protocolos para o transporte, as aulas e os comedores”, afirmou Olalla Rodil, que reclamou “avances nas ferramentas de teleformación, onde tanto profesorado como estudantado deben ter acceso aos recursos e ás ferramentas necesarias para continuar coa actividade lectiva en caso de novos paróns”.
OPE 2020
A deputada do BNG reclamou ao goberno da Xunta “que presione ao goberno do estado para que execute as modificacións lexislativas para acumular as prazas da OPE do 2020 á do 2021”. A parlamentaria do BNG asegurou que “o ensino, como servizo público, debe reforzarse e contar con persoal para garantir o acceso de todas e todos en condicións de equidade, sen importar o lugar de residencia”.
Ao respecto da convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galiza para o mes de Xullo, Olalla Rodil calificou a decisión do Partido Popular como “unha temeridade e unha irresponsabilidade”. Olalla Rodil criticou “que sexa o Lehendakari quen marque a axenda do presidente da Xunta, sen ter en conta que no mes de xullo se poden producir repuntes da enfermidade”. Malia todo, Olalla Rodil afirmou que “desde o BNG estamos listas para continuar coa campaña e converter a Ana Pontón na primeira muller presidenta da Xunta de Galiza”