ALEXANDRE PENAS: “REALIZARANSE ACTUACIÓNS COMPLEMENTARIAS AOS PASOS DE PEÓNS PARA AUMENTAR A SEGURIDADE DAS ZONAS ESCOLARES”
A concellería de Infraestruturas Urbanas continúa co plan de calmado de tráfico nos entornos escolares
Realizaranse novos pasos de peóns elevados nos colexios Rosalía, Illa Verde e Paradai, e no instituto da Piringalla
Lugo, 15 de maio de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron o CEIP Illa Verde, onde no día de hoxe comeza a nova fase do plan de calmado de tráfico que durante os últimos meses se executou nos distintos centros educativos de Lugo. Segundo Alexandre Penas, “nestes días realizaranse os correspondentes aos colexios Rosalía, Illa Verde e Paradai e ao instituto da Piringalla”.
O edil de Infraestruturas explicou que se realizarán “novas actuacións para colocar un total de oito pasos de peóns elevados nas rúas Roi Xordo, Angelo Coclocci, Alexandre Bóveda Galiza, e Mariña Española”. “Ademais, modificaranse algúns destes pasos para aumentar a seguridade e a accesibilidade das veciñas e veciños” informou Alexandre Penas, que explicou que “na rúa Roi Xordo, o paso de peóns trasladarase a un punto máis cercano á porta do centro, no canto da curva onde está actualmente, para gañar en visibilidade”.
Por outra banda, Alexandre Penas explicou que “na Rúa Galiza adaptaranse as escleiras existentes no acceso á rúa Cambria para dispoñer dunha rampa accesible, na rúa Mariña Española prologarase a beirarrúa na entrada secundaria, reducindo a lonxitude do paso de peóns e gañando en seguridade”.
Por último, Alexandre Penas explicou que se creará “un refuxio de peóns no paso diante do centro educativo para un cruce máis seguro, evitando o xiro de vehículos no propio paso de peóns”.
O contrato desta actuación foi adxudicado á empresa Ogalia Contratas SLU, cun orzamento de 55.900€. O prazo de execución é de oito semanas.