A PARLAMENTARIA DO BNG MANTIVO, EN LUGO, UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DAS ANPAS PARA RECOLLER AS INQUEDANZAS DESTES COLECTIVOS E TRANSLADARLLES AS PROPOSTAS DO BNG
Olalla Rodil levará ao Parlamento Galego unha iniciativa para que a Xunta asuma a xestión dos comedores escolares
Para o BNG “non se poden seguir dando casos como o do concello de Lugo onde a Xunta mira para outro lado mentres ás ANPAS e o concello se ven envoltos por un baleiro legal que unicamente perxudica ás familias”
Lugo, 17 de novembro de 2016. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, e ediles do BNG - Asembleas Abertas no concello de Lugo mantiveron unha xuntanza con representantes das ANPAS de Lugo. Rodil anunciou que o BNG levará unha iniciativa á cámara galega para reclamar que sexa a Xunta de Galiza quen asuma a xestión dos comedores escolares de todos os centros educativos. Rodil dixo que “neste momento existe unha discriminación para os centros escolares que non teñen comedores xestionados pola administración autonómica e que, no caso de Lugo, derivou nun problema burocrático-administrativo que estivo a punto de interpretar un importante problema para as familias”.
Neste momento a Xunta de Galiza somentes está a prestar un servizo de comecor naqueles centros nos que asisten aos que asisten escolares en transporte público que viven a máis de 2 km de distancia dende a súa casa. No concello de Lugo son catro os centros que contan con servizo de comedor xestionado pola propia consellería: o colexio Manuel Mallo Mallo de Nadela, o colexio Virxe da Soidade (Gándaras), o colexio da Ponte e o colexio de Casas. No resto de colexios públicos do concello de Lugo que teñen este servizo é prestado polo concello.
Para o BNG existen alternativas factibles como a de aproveitar as infraestruturas que a Xunta xa ten nos centros que teñen unha xestión directa do comedor. Rodil explicou “a Xunta ten infraestrutura suficientes coas cociñas existentes nos centros educativos e dende estes centros podería, cos medios axeitados, distribuirse a comida ao resto de centros educativos do concello”. Rodil lembrou que existe persoal que quedou sen funcións ao pecharse centros do rural e que a Xunta tería que estudar a súa posible reincorporación para reforzar os servizos de cociña dos centros que teñen comedor neste momento”.