A DEPUTADA DO BNG E O EDIL DE EDUCACIÓN DE LUGO, FELIPE RIVAS, MANTIVERON UNHA XUNTANZA CON ANPAS PARA TRASLADAR O POSICIONAMENTO DO BNG DE CARA AO INICIO DE CURSO
Olalla Rodil: "A Xunta ten que deixar de improvisar e poñer os medios necesarios para garantir a seguridade nas aulas"
“A Xunta de Galiza está a improvisar en cuestións tan importantes como o ensino público, xerando incerteza nas familias e no profesorado”, criticou Olalla Rodil
Lugo, 15 de setembro de 2020 A deputada do BNG, Olalla Rodil, xunto co concelleiro de educación do Concello de Lugo, Felipe Rivas, mantiveron unha xuntanza con anpas de Lugo para coñecer de primeira man as necesidades deste colectivo de cara ao inicio de curso. “É inadmisíbel que a Xunta de Galiza improvise ante un inicio de curso do cal se sabía a data desde o inicio da crise sanitaria”, declarou Olalla Rodil, que destacou que “o atraso do inicio de curso na educación secundaria e Formación Profesional é unha clara mostra desta improvisación e un desprezo ao traballo realizado pola comunidade educativa nos últimos meses”.
A deputada do BNG trasladou ás anpas o apoio do BNG na demanda de melloras no ensino público na Galiza. Segundo Olalla Rodil, “a volta ás aulas presenciais ten que pasar por aumentar o número de docentes e os medios económicos destinados á educación”. Rodil afirmou que “nesta situación vólvese máis necesario aínda reducir o número de estudantes por aula e aumentar o número de docentes para garantir o cumprimento das medidas de distanciamento social”.
“A Xunta debe asumir todas as responsabilidades que lle son propias e que están a levar a cabo as anpas e os concellos, como o servizo de comedores”, declarou Olalla Rodil, que engadiu “trátase dun servizo pedagóxico e que favorece en gran medida á conciliación das familias, do cal levamos tempo reclamando que sexa a Xunta, como institución con competencias en educación, quen garanta o seu acceso a todo o estudantado”