ARROXO: “CON ESTA ACTUACIÓN LUGO DARÁ UN GRAN PASO ADIANTE NA HUMANIZACIÓN DA MURALLA”
A Xunta de Goberno activa a contratación do proxecto de peonalización da Mosqueira
Na Xunta de Goberno de hoxe adxudicouse tamén, a estatua coa que o concello de Lugo homenaxeará a Castelao polo 100 aniversario da revista Nós
Lugo, 16 de setembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo anunciou que a Xunta de Goberno de hoxe iniciou o procedemento para contratar a obra de peonalización do tramo da Ronda da Muralla que percorre a Mosqueira. “Con esta actuación, Lugo dará un gran paso adiante no camiño para ter unha muralla totalmente peonil”, afirmou Rubén Arroxo´.
O proxecto sae a licitación cun orzamento base de 797.016,93€ e un prazo de realización de 8 meses. “A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira”, anunciou Rubén Arroxo.
“Lugo ten a única Muralla romana completa do mundo, un patrimonio da humanidade e temos a obriga como goberno de protexela e potenciala”, lembrou Arroxo, que engadiu “tal como advertiu o Icomos, as vibracións dos vehículos están a causar problemas estruturais ao monumento, polo que unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista esta actuación, é retirar progresivamente os vehículos da Muralla”.
Estatua de Castelao
Rubén Arroxo anunciou tamén que na xunta de goberno de hoxe aprobou a compra da estatua coa que o goberno municipal homenaxeará á figura de Castelao no 100 aniversario da revista Nós. Segundo indicou Rubén Arroxo, “con esta actuación queremos saldar unha débeda histórica que o Concello de Lugo ten coa figura de Castelao”. “Lugo é aínda non conta cunha figura adicada a unha das persoas máis importantes da historia e da cultura de Galiza”, afirmou Rubén Arroxo.
A estatua de Castelao colocarase na rúa da Raíña, en fronte do Hotel Méndez Núñez. Rubén Arroxo informou de que a localización escolleuse debido a que “se trata do lugar onde se realizou a cea posterior á I Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, na que Castelao estivo presente”.