Participación amplía as actividades infantís na praza de Abastos e no Mercado
Cristina López: “organizamos actividades para que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres os pais e as nais realizan as compras na Praza e no Mercado”
As novas actividades terán lugar os días 29 e 30 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro, entre as 17 e as 19 horas
Lugo, 29 de decembro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou a ampliación das actividades infantís na Praza de Abastos e no Mercado Municipal “para que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres as nais e pais realizan as súas compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal”.
Desde a área de participación búscase “facilitar a conciliación familiar nas fins de semana, e facilitar que a veciñanza poida achegarse a coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian na Praza e no Mercado”.
As novas actividades terán lugar os días 29 e 30 de decembro, e o 3 e 4 de xaneiro, entre as 17 e as 19 horas. As actividades consistirán en obradoiros de globoflexia, actividades de facepainting ou mostras de monicreques.
A concelleira de Participación afirmou que “estas actividades únense á campaña O noso mercado é un agasallo”, para promocionar a Praza e o Mercado, “e complementaranse con novas actividades para o período vacacional do nadal”.