O BNG SOLICITA QUE SE INVESTIGUE SE A EMPRESA CONCESIONARIA DOS 3 APARCADOIROS SOTERRADOS ESTÁ A CUMPRIR O CONTRATO
“As prazas dos aparcadoiros soterrados poderían estar incumprindo o propio contrato” Dixo Rubén Arroxo
No Artigo 21 das condicións técnicas do contrato da concesión aparece recollido que as medidas mínimas das prazas teñen que ser 2,20m x 4,50m
O propio concelleiro nacionalista expuxo que no Artigo 21 das condicións técnicas do contrato da concesión aparece recollido que as medidas mínimas das prazas teñen que ser 2,20m x 4,50m, cuestión que dende o BNG cren que se podería estar incumprindo dende a apertura dos aparcadoiros “solicitamos ao goberno municipal que comprobe se a día de hoxe se está cumprindo a propia medida das prazas que aparece na escritura do contrato” dixo Rubén Arroxo. Nesa mesma liña dende o BNG afirmaron que no piso inferior do aparcadoiro de Santo Domingo existía un punto para que os vehículos puidesen xirar e permitir a manobra para chegar ás últimas prazas, e ese espazo foi reconvertido en dúas prazas de estacionamento, as cales se poden observan fácil dado que nin foron renumeradas “as prazas 6 e 7 no piso inferior están duplicadas, dado que ese era un espazo para permitir o xiro dos vehículos, transformado en máis estacionamentos, pero dificultando e moito o acceso ás últimas prazas”.
Dende o BNG explican que efectivamente a subida anual dos prezos dos aparcadoiros que aprobou hai poucas semanas o goberno está recollida no contrato “pero semella pouco serio que se aplique o contrato ao pé da letra para o beneficio da empresa e despois se ignore para os dereitos de uso que ten a veciñanza de Lugo, nun servizo que lembremos, está en solo público”