PARA O BNG “ESTO SUPÓN CONDICIONAR A CONSTRUCIÓN DO ASCENSOR A UNHA DECISIÓN DE ALGUÉN ALLEO AOS INTERESES DO BARRIO E DA CIDADE”
“O PSOE puxo a construción do ascensor do Sgdo. Corazón en mans de Balseiro” advertiu Rubén Arroxo
O ascensor non se construirá ata que, segundo o proxecto, os responsables do Colexio cambien para instalacións propias o depósito do gasóleo da calefacción
Lugo, 14 de xaneiro de 2019. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo alertou sobre os condicionamentos que aparecen no proxecto para a construción do ascensor do Sagrado Corazón “a alcaldesa esqueceu explicar, na presentación do proxecto, que aínda quedaba un fleco para poder iniciar unha das habituais guerras PP-PSOE para ver de quen era a culpa de que o Sgdo. Corazón siga sin ascensor”. Arroxo explicou que o depósito de gasóleo que alimenta a calefacción do Colexio está situado na actual escaleira e “no proxecto presentado non se da unha solución concreta para a reubicación deste depósito e queda en máns do órgano responsable do centro”.
Arroxo sinalou “nin se define a onde vai ir o depósito, nin se define cal é o órgano responsable de reubicalo, solo se concreta que terá que ir a algún lugar que se facilite dentro dos terreos do centro educativo” e engadiu “tamén se explicita que as obras non se poderán realizar ata que se cambie de lugar este depósito de gasóleo”. Ainda que non queda definido cal é ese “órgano responsable” Arroxo sinalou “entendemos que se refiren á Xunta de Galiza e por tanto ao Delegado que a representa en Lugo, o señor Balseiro”. Para o BNG “esto supón condicionar a construción do ascensor a unha decisión de alguén alleo aos intereses do barrio e da cidade”.
O voceiro do BNG e candidato á alcaldía avanzou que “está claro que o ascensor non se vai facer neste mandato, é outro anuncio máis como os que xa se fixeron no pasado e que supón outro engano do PSOE ás veciñas e veciños deste barrio”. Rubén Arroxo criticou “o habitual xeito de facer as cousas do PSOE, máis interesados en confrotar coa Xunta de Galiza que de resolver os problemas reais de Lugo”. “Parece que lles gusta deixar portas abertas, tanto nos proxectos como nos trámites administrativos, para que xurdan os problemas e non se poidan executar as obras” concluíu Arroxo.
O parrafo ao que fai referencia esta información é o seguinte:
Memoría do proxecto básico de execución
MELLORA DO ESPAZO URBANO E ACCESIBILIDADE Ó BARRIO DO SAGRADO CORAZÓN DE LUGO DENDE A AVENIDA ADOLFO SUÁREZ
2. DESCRICIÓN E XUSTIFICACIÓN DA SOLUCIÓN ADOPTADA - 2.5. SOLUCIÓN ADOPTADA
Os usos existentes nos corpos inferiores da actual escaleira en xeral se reubican. Así, o depósito de gasóleo que subministra combustible por bombeo á instalación de calefacción do colexio, se propón para a súa colocación nalgún lugar que facilite o órgano responsable do centro, dentro da súa parcela, desvinculando na medida do posible usos doutras administracións dentro do novos espazos municipais que se creen con esta instalación.