Rematada a rexeneración do firme da avenida García Portela e da rotonda da Praza de Avilés
O Tenente Alcalde explicou que “agardamos unha mellora climatoloxica para acometer o pintado horizontal destes espazos”
A capa de rodadura xa foi renovada con asfalto en quente, o que garantirá a durabilidade da actuación
Lugo, 11 de decembro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo a través da concellería de Infraestruturas Urbanas finalizou a renovación do asfalto da avenida García Portela e da rotonda da praza de Avilés. Arroxo explicou que “esta zona acolle unha gran cantidade de tráfico e contaba cun asfalto moi deteriorado”. O Tenente Alcalde anunciou que “unha vez completada esta actuación, a veciñanza que reside e traballa por esta zona poderá desfrutar dunha rúa totalmente renovada”.
Os traballos que se executaron nesta zona consisten na renovación da banda de rodadura aplicando mestura asfáltica en quente, o que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial, e garantirá unha duración prolongada da actuación.
"Desde o Goberno de Lugo seguimos traballando para que todas as infraestruturas públicas da cidade estén en bo estado, tanto na zona urbana como nos barrios periurbanos, mellorando a cidade e aumentando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas”, afirmou Rubén Arroxo e explicou que “agardamos unha mellora do tempo para acometer o pintado horizontal destes espazos”.