ARROXO AVANZOU QUE “O BNG SEGUIRÁ TRABALLANDO PARA QUE SE ACTUALICEN ORDENANZAS MUNICIPAIS COMO A DE MEDIO AMBIENTE, CONTAMINACIÓN ACÚSTICA, PUBLICIDADE OU TENZA DE ANIMAIS”
“A retirada da Ordenanza Mordaza non é éxito de ningún partido é un logro das veciñas e veciños” dixo Rubén Arroxo
Para o BNG “parece que se impón o sentido común e que o goberno municipal escoitou o que a rúa demanda”
Lugo, 10 de outubro 2018. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, parabenizou a todas as veciñas e veciños de Lugo “que se implicaron en demandar a retirada da Ordenanza Mordaza que o goberno municipal tiña previsto implantar no concello”. Arroxo lembrou que “esta mesma semana o BNG deulle un ultimatum ao PSOE, utilizamos a representación que a veciñanza nos deu no Pleno da Corporación para forzar o que esa mesma veciñanza demandaba na rúa”.
“A retirada da Ordenanza Mordaza non é éxito de ningún partido é un logro das veciñas e veciños” dixo Rubén Arroxo despois de coñecer as declaracións feitas pola alcaldesa nas que se anunciaba a retirada do borrador desta Ordenanza Mordaza. Arroxo avanzou que “o BNG seguirá traballando para que se actualicen ordenanzas municipais como a de Medio Ambiente, Contaminación Acústica, Publicidade ou Tenza de Animais”.
Rubén Arroxo, acompañado de representantes do consello local e comarcal do BNG, comparecía o pasado luns ante os medios de comunicación para pedir retirada do borrador desta ordenanza e adevería que “de non ser así o BNG non volverá a dar o apoio ao goberno socialista”. Arroxo sinalaba que “dende un primeiro momento o BNG manifestou o seu rexeitamento a esta Ordenanza”. Despois de lembrar as mobilización dos pasado día 26 de setembro, Arroxo dixo “a ordenanza que se presentou no borrardor impide o desenvolvemento dos movementos culturais e artísticos e castiga ás persoas con menos recursos”.
Arroxo marcaba este mes de outubro como plazo e instaba ao goberno municipal para “que anunciase a retirada do borrador antes de que remate o mes de outubro” e de non ser así “o BNG negaría o seu apoio ao PSOE” e Arroxo advertía que, a partir de ahí, o PSOE que tería que “desenvolver o seu modelo político co PP e Cidadáns por que o modelo de cidade do BNG está nunha liña totalmente antagónica”.
Actualización doutras ordenanzas
Rubén Arroxo anunciou que o BNG seguirá traballando para que se actualicen as Ordenanzas Municipais, como a de Medio Ambiente, para mellorar a limpeza e o coidado da cidade; a de Contaminación Acústica, para mellorar a convivencia; a de Publicidade, para poder eliminar a publicidade sexista, ou a de Tenza de Animais, para axeitala á lexislación actual.