Rubén Arroxo e Alexandre Penas presentan o proxecto de humanización de Camiño Real
Arroxo afirmou que “esta actuación permitiranos avanzar na recuperación de espazos para as persoas na contorna da Muralla, este treito converterase no Bispo Aguirre da zona norte”
O proxecto de humanización inclúe a creación de novas verdes con árbores e arbustos e a instalación de mobiliario urbano
Lugo, 06 de xullo de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, presentaron o proxecto de humanización do treito final da rúa Camiño Real, comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. “Trátase dunha proposta que levamos no noso programa no ano 2019, e que agora poñemos en marcha, avanzando na recuperación de espazos peonís na contorna da Muralla”, explicou o Tenente Alcalde, que afirmou que “este treito converterase na rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, e facilitará avanzar en futuras peonalizacións na contorna da Muralla, ao retirar vehículos desta zona”.
A nova zona peonil, que suprimirá o tránsito xeral de vehículos, mantendo o acceso ao tráfico rodado para as e os residentes, terá un mellor acondicionamento ambiental, ao instalarse novas verdes con árbores e arbustos no novo treito. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.
O tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do procedemento de licitación desta humanización, que sairá a licitación cun orzamento de 338.172€ e un prazo de execución de 6 meses.