Rubén Arroxo anuncia a renovación da praza de Alacante
“O proxecto inclúe unha pavimentación e novo mobiliario urbano, instalando máis bancos e sen afectar á dispoñibilidade de espazo para aparcar”, explicou o Tenente Alcalde
O Goberno de Lugo aprobará mañá o inicio do procedemento de licitación, que terá un orzamento de partida de 210.885,27€
Lugo, 13 de maio de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que o goberno de Lugo renovará a praza de Alicante, no barrio da Milagrosa. “Trátase dunha zona que está nun avanzado estado de desgaste, o que fai preciso unha actuación integral que permita renovar a pavimentación, poñendo solución ás zonas de socavóns que podemos ver actualmente”, explicou Rubén Arroxo.
A solución que executará a área de Mobilidade e Infraestruturas consiste na renovación integral do pavimento, creando dúas zonas diferenciadas para o tránsito peonil e o dos vehículos, mantendo as zonas de estacionamento. Ademais, renovarase o mobiliario urbano, ampliando o total de bancos instalandos na zona, e cunha nova disposición que permitirá unha maior comodidade á veciñanza, e instalaranse novas papeleiras e xardineiras.
O Goberno de Lugo avanzará tamén con esta intervención na renovación da rede de alumeado público municipal, eliminando as actuais luminarias de vapor de sodio, e instalando LEDs, de baixo consumo, e que garantirá un alumeado uniforme en toda a extensión da praza.
A Xunta de Goberno aprobará mañá o inicio do procedemento de contratación desta actuación, que sairá a licitación cun orzamento máximo de 210.885,27€ e un prazo de execución de 6 meses.
3 anexos