Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o comezo dos traballos de peonalización de Rafael de Vega
Arroxo: "trátase dunha zona da cidade con moita poboación que ata o de agora non contaba con espazos para o uso e desfrute da veciñanza"
O Goberno de Lugo inviste 221.427€ nesta actuación, que conta cun prazo de execución de 6 meses
Lugo, 05 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e persoal técnico visitaron a rúa Rafael de Vega onde veñen de comezar os traballos de peonalización. “Trátase dunha zona da cidade que conta con moita poboación e que ata o de agora non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o Goberno de Lugo seguimos traballando en crear zonas para a veciñanza, como as xa feitas no Sagrado Corazón e en Río Sil, ou as que se están a planificar nos distintos barrios”.
O Tenente Alcalde afirmou que “o obxectivo é ter un Lugo humanizado que permita á veciñanza desfrutar do espazo público”, e engadiu "con esta humanización conseguiremos un espazo de lecer necesario para a veciñanza ao mesmo tempo que se continuará a traballar na redución de tráfico rodado en toda a cidade".
O proxecto da nova zona peonil foi elaborado pola área de Mobilidade e Infraestruturas mantendo xuntanzas coas veciñas e veciños da zona, contando co seu apoio e tendo en conta as súas necesidades para transformar esta rúa.
O Goberno de Lugo adxudicou os traballos a Construcciones Sanle Lugo, que presentou unha oferta por valor de 221.427€ e un prazo de execución de 6 meses.