"AGRUPACIÓNS LOCAIS EN COORDINACIÓN CON GRUPOS ESTATAIS E INTERNACIONAIS DARÁN FORMA Á PROGRAMACIÓN DO AUDITORIO FUXAN OS VENTOS", EXPLICOU RUBÉN ARROXO

Rubén Arroxo anuncia un concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome


O Tenente Alcalde afirmou que a área de Cultura continúa a traballar na actividade da nova instalación para o ano 2025

"Agrupacións locais en coordinación con grupos estatais e internacionais darán forma á programación do Auditorio Fuxan os Ventos", explicou Rubén Arroxo

Rubén Arroxo anuncia un concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome



Lugo, 23 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a Tenencia de Alcaldía a través da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa a traballar na planificación da actividade do Auditorio Fuxan os Ventos para o ano 2025. Arroxo anunciou un concerto do grupo Fuxan os Ventos no auditorio, como "homenaxe a un dos grupos musicais galegos máis importantes nos últimos anos, e celebración do seu 50 aniversario, celebrado en 2022"

O Tenente Alcalde afirmou que o Auditorio Fuxan os Ventos contará cunha importante programación, con agrupacións locais que se coordinarán con actuacións de circuítos estatais e internacionais.

Arroxo afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu "para o Concello de Lugo é unha honra contar cun auditorio co seu nome, despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".

Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.

Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).

A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.

Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega .

 

Rubén Arroxo anuncia un concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome