Rubén Arroxo anuncia que a Tenencia de Alcaldía habilitará un paso peonil entre a Meilán e Garabolos
Darase conexión á zona rural e urbana, mellorando o camiño entre a rúa dos Chaos e Garabolos
Arroxo: “atendemos a unha petición veciñal mellorando o actual camiño de terra para garantir a accesibilidade da veciñanza”
Lugo, 20 de xaneiro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para habilitar un paso peonil seguro entre Meilán e Garabolos. Arroxo explicou que “trátase dunha intervención que permitirá mellorar a unión entre a zona rural e a zona urbana de Lugo de maneira accesible, ao mesmo tempo que damos resposta a unha solicitude da veciñanza, que ata o de agora non contaba cunha ruta peonil axeitada”.
O treito a mellorar corresponde á unión entre a rúa dos Chaos, en Meilán, coa Avenida de Garabolos, unha zona na que actualmente existe un camiño de terra de ancho moi escaso. Os traballos que executará a Tenencia de Alcaldía consisten na habilitación de novas beirarrúas de formigón ruleteado en todo o treito, o que facilitará unha maior adherencia e aumentará a accesibilidade.
O ancho de todo o percorrido variará entre o 1,40 e os 2 metros, segundo a orografía do terreo. O acabado terá cor verde, o que facilitará unha mellor integración no entorno. Nas zonas xunto aos pasos de peóns, disporanse baldosas de botóns e direccionais, de acordo á normativa vixente.
“Seguimos traballando para mellorar a unión da zona urbana co rural, facilitando que a veciñanza conte con camiños que garantan a accesibilidade”, explicou Arroxo.