Rubén Arroxo: “desde o Concello de Lugo estamos a realizar importantes esforzos para reducir os efectos do cambio climático”
O Tenente Alcalde destacou coincidindo co día internacional contra o cambio climático as accións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas para reducir o impacto ambiental de Lugo
Rubén Arroxo: “o novo transporte público está a permitir que moita xente deixe o coche na casa”
Lugo, 23 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou, coincidindo co día internacional contra o cambio climático, as accións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas desde o ano 2019 para reducir o impacto ambiental producido pola cidade. Rubén Arroxo explicou que “desde o Concello de Lugo estamos a realizar importantes esforzos para tratar de reducir os efectos do cambio climático”.
“A situación require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde os concellos e cada persoa de xeito individual para tratar de reducir as consecuencias do cambio climático”, afirmou o Tenente Alcalde.
Arroxo afirmou que “desde a nosa chegada ao goberno investimos preto de 3 millóns de euros en renovar a rede de alumeado público da cidade”. Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas leváronse acabo actuacións en distintas zonas da cidade que permitiron eliminar luminarias antigas, con elementos contaminantes como o vapor de sodio ou de mercurio, e que foron substituídas por LEDs de baixo consumo e moi boa eficiencia enerxética. “Ao mesmo tempo que colaboramos para reducir as emisións producidas polo concello, reducimos o custo da factura da luz da rede de alumeado público e aplicamos a perspectiva de xénero para garantir a maior seguridade nas rúas”, declarou Rubén Arroxo.
Arroxo explicou que “o aumento de liñas e a mellora de frecuencias facilitan os transbordos e permiten comunicar de xeito sinxelo todas as zonas da cidade e facilitar que a veciñanza realice os seus desprazamentos máis habituais en bus urbano, deixando o vehículo privado na casa”.
Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas traballouse tamén na mellora de instalacións públicas que permitan o uso de medios de transporte alternativos. “Puxemos en marcha un plan de calmado de tráfico, que comezou nos entornos escolares e que estamos a ampliar ás zonas máis perigosas da cidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “xunto con estas medidas, aumentamos a capacidade de aparcabicis, facilitando que toda a veciñanza que o desexe poida utilizar a bicicleta ou os vehículos de mobilidade persoal como medio de transporte habitual”.
Día Internacional contra o cambio climático
A iniciativa da ONU, cada 24 de outubro celébrase o día internacional contra o cambio climático, que ten como obxectivo concienciar á veciñanza dos grandes estragos que están a acontecer por todo o planeta debido á contaminación.