O TENENTE ALCALDE INFORMOU QUE NOS VINDEIROS DÍAS SE EXECUTARÁN NOVOS PASOS DE PEÓNS ELEVADOS EN AUGAS FÉRREAS, ROLDA DAS FONTIÑAS, RÚA MAZAIRA, RÚA CURROS ENRÍQUEZ E RÚA AFONSO X O SABIO
Rubén Arroxo: "Continuamos atendendo as demandas veciñais e os pasos de peóns elevados son unha prioridade"
O Tenente Alcalde informou que nos vindeiros días se executarán novos pasos de peóns elevados en Augas Férreas, Rolda das Fontiñas, Rúa Mazaira, Rúa Curros Enríquez e Rúa Afonso X o Sabio
Lugo, 08 de setembro do 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para habilitar catro novos pasos elevados en catro novos puntos da cidade. As novas actuacións realizaranse na Ronda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio, continuando co traballo feito noutros barrios e distintas zonas da cidade, como entornos escolares e puntos conflitivos.
A Tenencia de Alcaldía continúa deste xeito a mellorar a seguridade peonil, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e garántese unha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada. En todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico dun paso peonil elevado.
No caso da Ronda das Fontiñas 29, disporase un paso de peóns elevado na ubicación do paso existente; mentres que nas rúas Mazaira 12, Curros Enríquez 11 e Afonso X o Sabio (que foi rematado nos últimos días), se disporá dun paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada.
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade". O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".