Rubén Arroxo e Cristina López presentan o proxecto da exposición permanente que acollerá o Cemiterio Municipal
Ana Goy Diz será nomeada comisaria da exposición a título póstumo “en recoñecemento ao seu traballo de investigación e posta en valor do Cemiterio Municipal”
A exposición As necrópoles lucenses: do Cemiterio xeral de Magoi ao cemiterio municipal de San Froilán será unha das actividades organizadas pola área de Participación dentro do 75 aniversario do Cemiterio Municipal
Lugo, 17 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación, Cristina López, acompañados de persoal técnico municipal presentaron un avance da exposición As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán, a exposición permanente que nas vindeiras semanas se instalará no Cemiterio Municipal, “dentro da celebración do 75 aniversario do Cemiterio”, explicou Cristina López. O acto contou coa presencia do representante de Helice Diseño, Sebastián Fernández, empresa que realizou o proxecto expositivo, xunto con Gonzalo Francisco Fernández Suárez, investigador da USC na área de Ciencias e Técnicas Historiográficas.
O proxecto iniciouse como froito do traballo realizado entre a área de Participación e a USC, protagonizado nun primeiro momento por Ana Goy Diz, quen será nomeada comisaria a título póstumo da exposición “como recoñecemento ao seu traballo de investigación e posta en valor do Cemiterio Municipal”, explicou a concelleira de Participación, que engadiu “logo do seu pasamento, o equipo de traballo continuou a traballar arreo ata culminar o que é unha parte fundamental da historia de Lugo, a sociedade vista a través da morte”.
Cristina López afirmou que “a exposición é unha clara aposta pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade”, e engadiu “supón tamén recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva”.
A exposición instalarase no espazo expositivo que se está a habilitar no Cemiterio Municipal, e busca reivindicar a esta instalación como un lugar de recordo, memoria e celebración da vida.
Actividades no Cemiterio
Cristina López, anunciou que o Cemiterio acollerá actividades este domingo co gallo da celebración do 19 de marzo. Cristina López afirmou que “ano a ano as actividades artísticas do 19 de marzo reciben unha gran afluencia, sendo unhas das actividades máis importantes da programación anual do Cemiterio”, e engadiu “contaremos con distintas actividades a cargo de Achádego Teatro, de xeito similar ás realizadas nos pasados anos”.