"UNHA SERIE DE XUNTANZAS EN DISTINTOS CENTROS DE CONVIVENCIA MUNICIPAIS PERMITIRANNOS ESCOITAR Á VECIÑANZA E PLANEAR OS INVESTIMENTOS EN CADA ZONA DA CIDADE", EXPLICOU RUBÉN ARROXO
Rubén Arroxo e Cristina López presentan o proxecto de orzamentos participativos da Tenencia de Alcaldía para o 2024
"Unha serie de xuntanzas en distintos centros de convivencia municipais permitirannos escoitar á veciñanza e planear os investimentos en cada zona da cidade", explicou Rubén Arroxo
A primeira xuntanza terá lugar o vindeiro xoves, a partir das 18:00 no Centro de Convivencia María Balteira, dirixida á veciñanza da zona norte da cidade
Habilitarase o correo electrónico [email protected] para que toda a veciñanza poida realizar as súas propostas
Lugo, 16 de outubro de 2023. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto con Cristina López, concelleira responsábel da área de Participación e Servizos á Veciñanza, presentaron o proxecto de Orzamentos Participativos que o Goberno de Lugo poñerá en marcha de cara á elaboración das contas do 2024. Rubén Arroxo explicou o funcionamento dos proxectos: "celebraremos unha serie de xuntanzas coas veciñas e veciños das distintas zonas da cidade para coñecer de primeira man as necesidades que teñen, e poder deste xeito planificar os traballos ao longo do ano". O Tenente Alcalde precisou que as xuntanzas "serán abertas á participación de toda a veciñanza que o desexe, e terán lugar ao longo do mes de outubro".
A primeira xuntanza terá lugar o vindeiro xoves, 19 de outubro, a partir das 18:00 no Centro de Convivencia María Balteira, dirixida á veciñanza da zona norte da cidade. O martes 24, as concelleiras da Tenencia de Alcaldía escoitarán as propostas das veciñas e veciños de Fontiñas a partir das 18:00 no Centro de Convivencia Maruja Mallo, e a veciñanza de Fingoi terá a oportunidade de realizar as súas propostas o mércores 25 a partir das 19:00 no Centro de Convivencia de Fingoi. Para as persoas que non poidan asistir ás distintas xuntanzas, o Goberno de Lugo habilitou o correo electrónico [email protected], onde se atenderán as solicitudes que remita a veciñanza.
Desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo ponse en marcha este plan para realizar uns orzamentos realmente participativos nos que a veciñanza participe das decisións que lle afectan directamente, e poida propoñer os traballos a realizar por parte do Concello.
Rubén Arroxo explicou que "no pasado mandato realizamos os orzamentos e as distintas intervencións a través das reclamacións e solicitudes da veciñanza, neste novo período continuamos a escoitar a todas as veciñas e veciños para planificar as intervencións das distintas zonas da cidade".