Rubén Arroxo e Cristina López reciben na Praza de Abastos a un grupo de estudantes do Colexio Casás que realizaron un almorzo saudable
Cristina López: “aproveitamos a versatilidade da nova cociña da Praza para achegar ás nenas e nenos a estas instalacións”
A área de Participación conta coa colaboración da asociación Cociñeiros Lugo para realizar os Almorzos Saudables
Lugo, 31 de maio de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto cos concelleiros de Educación, Felipe Rivas e Cristina López, responsábel da área de Participación, recibiron na Praza de Abastos a un grupo de nenas e nenos de 5º de primaria procedentes do Colexio Casás. Este grupo deu comezo á nova actividade de Almorzos Saudables, que a área de Participación vén de poñer en marcha co obxectivo de que as nenas e nenos “coñezan a importancia da alimentación e ao mesmo tempo visiten a Praza de Abastos e coñezan os productos de primeira calidade que se comercializan nestas instalacións”.
A área de Participación conta coa colaboración da asociación Cociñeiros Lugo para estas actividades, encargándose de realizar os almorzos saudables e de ensinar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal ás nenas e nenos. As nenas e nenos realizaron unha visita guiada á praza, onde coñeceron da man dos chefs os distintos productos e a importancia do comercio de proximidade e dos productos ecolóxicos e de KM0. A xornada rematou cun almorzo saudable, elaborado polos distintos chefs presentes, e nos que se afonda na importancia da alimentación saudable.
“Continuamos a traballar para dinamizar a praza con este tipo de actividades, que permiten que as nenas e nenos coñezan as instalacións e os distintos postos”, afirmou Cristina López, que engadiu "continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que as veciñas e veciños aposten por realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación".