Rubén Arroxo a exposición A Revolta dos Clicks, que vén de abrir no MIHL
A exposición consta de 5 dioramas que explican distintas etapas da historia galega
Rubén Arroxo: “esta nova exposición busca repetir o éxito do ano pasado, cando máis de 10.000 persoas se achegaron ao MIHL, cunha nova mostra sobre a revolta irmandiña”
Lugo, 18 de xullo de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo visitou o MIHL, onde vén de abrir a exposición A Revolta dos Clicks, organizada por AESCLICK e a Concellería de Cultura do Concello de Lugo. Arroxo afirmou que "é unha maneira espectacular e divertida de achegarse á historia de Galiza, unha actividade lúdica e formativa para toda a familia, na que buscamos repetir o éxito da mostra organizada o ano pasado, que achegou a esta instalación a máis de 10.000 persoas"
A exposición poderá visitarse até mediados de setembro. Como o ano pasado, a mostra contará cunha audioguía, que se poderá escoitar escaneando o código QR habilitado en cada zona.
A Revolta dos Clicks consta de 5 dioramas, un central de 20 metros cadrados e outros catro de 4 metros cadrados cada un, nos que se atopan representados distintos momentos da revolta irmandiña e da vida nas poboacións galegas do século XV.
Rubén Arroxo destacou "a infinidade de detalles que puxeron as integrantes de AESCLICK en cada un dos dioramas", e animou ás veciñas e veciños de Lugo e a todas as persoas que se acheguen durante o verán a visitar o MIHL e coñecer un anaco máis da historia da Galiza.