Rubén Arroxo: “o Goberno estudará 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses a proposta dos grupos da oposición”

O Tenente Alcalde lembrou que “co novo modelo de liñas estamos utilizando o máximo de quilómetros do contrato, cada metro que se engada nunha zona ten que retirarse noutra”

80.000 habitantes de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que co modelo anterior

 

Rubén Arroxo: “o Goberno estudará 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses a proposta dos grupos da oposición”

Lugo, 07 de setembro de 2021.  O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, valorou positivamente a xuntanza da Mesa de Transportes mantida esta mañá. Arroxo explicou que “recibimos propostas dos grupos da oposición para realizar un total de 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses, que estudaremos para comprobar a súa viabilidade”.

 

O Tenente Alcalde lembrou que “co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra”.

 

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.

 

Arroxo declarou que “as propostas achegadas pola oposición serán estudadas polo persoal técnico para comprobar a súa viabilidade e revisar se é posíbel poñelas en funcionamento”.

 

O actual proxecto de liñas de bus urbano foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público. Durante a elaboración do proxecto, tivéronse en conta as solicitudes da veciñanza achegadas ao concello por distintas vías (queixas e reclamacións, chamadas ao 010, etc). As representantes eleitas pola veciñanza acordaron realizar esta xuntanza para avaliar os primeiros meses das novas liñas de bus urbano.

 

Xuntanza coa Xunta de Galiza

Rubén Arroxo anunciou que nos vindeiros días manterá unha xuntanza co delegado da Xunta para revisar a situación do bus urbano no Carqueixo. ”Desde o Concello queremos garantir que a veciñanza da zona teña acceso ao bus”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “dado que a parada tería que situarse nun vial propiedade do goberno galego, temos que contar coa súa aprobación para poñelo en marcha”.

 

Modificacións recollidas polo Goberno

O Tenente Alcalde deu conta das propostas de modificacións puntuais recollidas na Mesa de Transporte, que afectan ás liñas 3, 4.2, 5 e 13.

 

Na liña 3 os grupos da oposición solicitan que o traxecto de volta desde Conturiz se realice por Ramón Ferreiro. Este cambio deixaría a zona de Montirón sen bus, mais desde a área de Mobilidade estudarase a posibibilidade de facer chegar o percorrido ata a Fonte do Rei.

 

Na liña 4.2, o goberno municipal estudará a proposta de modificar o percorrido para chegar á rúa Venancio Senra para comunicar co colexio do Sagrado Corazón. Esta proposta implicaría deixar sen cobertura a parte baixa da Calzada das Gándaras.

 

O goberno recolleu dúas propostas para modificar a liña 5. A primeira, para solucionar a parada do Carqueixo, implicaría dar a volta na A-6, o que faría que o bus urbano deixara de conectar o barrio da Residencia e a avenida das Américas. Desde o goberno buscarase na xuntanza coa Xunta de Galiza mellorar esta problemática cunha nova parada que de servizo á zona, sen aumentar o percorrido do bus urbano.

 

Outra das solicitudes da oposición para a liña 5 é a mellora das frecuencias da liña, modificando o percorrido na Residencia, circulando polas rúas Río Ulla e Azalea. Esta proposta diminuiría o número de paradas no barrio.

 

Na liña 13, a oposición propuxo que o percorrido chegue ata a avenida da Coruña.

 

Prezo do bus e transbordos

Rubén Arroxo, lembrou que o transporte urbano de Lugo conta co prezo máis barato da Galiza, e o terceiro do estado no billete ordinario do transporte público. O Tenente de Alcalde explicou que "o prezo por billete de transporte urbano da cidade de Lugo actualmente está só por detrás das cidades de Ávila e Ceuta". Arroxo explicou que “non é xusto que un pensionista que cobra máis de 2000€ ao mes non pague o bus mentres que un traballador que cobra menos de 1000€ si”, e afirmou que “de cara á revisión anual de prezos, avanzaremos na gratuidade dos transbordos e en manter as tarifas de transporte urbano con prezos axeitados á situación da veciñanza”

 

Seguimento en directo

O Tenente Alcalde explicou que “o novo SAE está en funcionamento desde a entrada en funcionamento das novas liñas, o que xa se pode ver nas paradas que contan con pantalla informativa e nos códigos QR situados no resto de paradas da rede”. Rubén Arroxo avanzou que “nas vindeiras semanas comezaremos a probar a aplicación móbil do bus urbano, completando a renovación tecnolóxica da rede de transporte e dando resposta a unha reclamación que a veciñanza de Lugo leva tempo realizando”.

Rubén Arroxo: “o Goberno estudará 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses a proposta dos grupos da oposición”