Rubén Arroxo: “Lugo contará cunha zona de baixas emisións na vindeira ordenanza de circulación”
O Tenente Alcalde explicou que “desde o Goberno de Lugo continuamos a traballar nunha cidade máis sostible e menos contaminante, cumprindo cos obxectivos internacionais de sostibilidade”
Arroxo avanzou que “o interior da Muralla está a avanzar para converterse nesta zona, ao contar xa coa maior parte das rúas completamente peonís”
Lugo, 14 de maio de 2021. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados na elaboración da nova ordenanza de Mobilidade, na que se continúa a traballar. De cara a comezos do 2023, a nova lei de Cambio Climático fará obrigatorio contar cunha zona de baixas emisións. Rubén Arroxo explicou que “en Lugo, a zona interior da Muralla está xa a converterse nunha zona de baixas emisións, ao contar cunha gran parte das rúas completamente peonalizadas”.
“Desde o goberno de Lugo continuamos avanzando nunha cidade máis sostible, reducindo a contaminación ocasionada polos vehículos a motor, e cumprindo cos obxectivos internacionais de sostibilidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a reducción de tráfico tamén se nota na ronda da Muralla, onde se reduciu a circulación en 30.000 vehículos ao mes con respecto ao 2019”. O Tenente de Alcalde explicou que “esta reducción permite aforrar a emisión de 20 Tn de CO2 cada mes”.
Rubén Arroxo avanzou que “as novas liñas de transporte público continuarán a colaborar na reddución de vehículos circulando polas rúas de Lugo, xa que contaremos con mellores frecuencias e conexión con máis zonas da cidade”.
Zonas de baixas emisións
As zonas de baixas emisións serán obrigatorias a partir do 1 de xaneiro de 2023 en todas as cidades con poboación superior a 50.000 habitantes. Nestas zonas restrinxirase o acceso a todos os vehículos, excepto para residentes, vehículos de emerxencias, transporte público e servizos.