O Mercado Tradicional continúa na praza da Soidade
Cristina López destacou “o éxito que está ater o mercado neste emprazamento”
O Mercado tradicional continuará a desenvolverse na praza da Soidade mentres se remata a rehabilitación do soto da Praza de Abastos
Lugo, 12 de febreiro de 2021. O Mercado Tradicional de Quiroga Ballesteros continúa a ter lugar na carpa habilitada na praza da Soidade. A edil de Participación, Cristina López, destacou “o éxito que está a ter o mercado neste emprazamento, ao que se achegan ducias de persoas cada día a atopar productos de calidade”. A celebración do mercado trasladouse á carpa habilitada na praza da Soidade mentres se executen os traballos de rehabilitación do soto da Praza de Abastos.
O proxecto de rehabilitación do soto inclúe a renovación de instalacións e servizos, como electricidade, auga, telecomunicacións e calefacción, ademais de mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Cristina López explicou que "as obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e a rehabilitación do soto da Praza estanse a executar de xeito coordinado para para garantir en todo momento os accesos á praza e os espazos de carga e descarga, tratando de reducir as molestias ao mínimo para a veciñanza e os postos"
O Mercado Tradicional ten lugar nas mañás dos martes e dos venres, entre as 8:30 e as 14:30 horas. Os produtos que se venden neste mercado son os propios da colleita, engadíndose á oferta de produtos de primeira calidade que se poden atopar na Praza e no Mercado de Lugo.