Rubén Arroxo reúnese con usuarios de vehículos eléctricos para coñecer as necesidades do colectivo
Arroxo: “queremos que Lugo avance nunha mobilidade sostible, os vehículos de baixas emisións son un piar necesario para este obxectivo”
Na xuntanza participaron o edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, e técnicos municipais
Lugo, 05 de maio de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas e persoal técnico municipal mantiveron unha xuntanza con representantes de usuarios de coches eléctricos para coñecer as necesidades do colectivo. Arroxo explicou que “desde o Goberno de Lugo estamos a avanzar de cara a unha cidade moito menos contaminante e máis respectuosa co medio ambiente, e os vehículos de baixas emisións son un dos piares máis importantes para conseguir este obxectivo”.
O Tenente Alcalde afirmou que “seguimos traballando en fomentar o transporte público e a bicicleta, favorecendo que as veciñas e veciños de Lugo utilicen o vehículo particular o menos posíbel para reducir a contaminación”. Para Rubén Arroxo “a entrada en funcionamento das novas liñas de transporte público permitirán reducir os desprazamentos en vehículo particular, xa que contaremos con mellores frecuencias e conectaranse máis zonas da cidade”.
Arroxo destacou os datos de circulación na Ronda da Muralla, onde se reducu a circulación en 30.000 vehículos por mes con respecto ao 2019, “o que permitiu aforrar a emisión dunhas 20Tn de CO2 á atmosfera”, e afirmou que “traballaremos para que a veciñanza de Lugo conte coa infraestrutura necesaria para que apostar por vehículos de baixas emisións sexa posible”