Cultura celebra o día dos museos nas salas museísticas municipais
Maite Ferreiro animou ás veciñas e veciños “a achegarse ás salas museísticas municipais para coñecer a nosa historia”
As 10 primeiras persoas que se acheguen o vindeiro martes 18 ás salas museísticas municipais, recibirán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal
Lugo, 15 de maio de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o vindeiro martes, 18 de maio, coa celebración do día internacional dos museos, as distintas salas da rede museística municipal agasallarán libros procedentes do fondo bibliográfico municipal ás 10 primeiras persoas que se acheguen a cada unha das instalacións. “Queremos animar ás veciñas e veciños de Lugo a achegarse ás salas museísticas municipais para coñecer a historia e o patrimonio que se almacena nelas”, explicou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro destacou que “desde a área de Cultura estamos traballando para achegar as distintas instalacións á veciñanza”, e lembrou que “nos últimos meses realizamos distintas accións que tiñan como protagonistas ás salas da rede museística, como as actividades de Samaín”.
O Día internacional dos Museos celébrase anualmente desde o 1977, e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.