As palabras do ano colocaranse na rúa Menorca
Rubén Arroxo: "queremos seguir mellorando as rúas da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor a lingua galega"
A escolla da Palabra do Ano foi posta en marcha no 2014 pola RAG e a Fundación Barrié, no ano 2020 foi Nós
Lugo, 16 de maio de 2021. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que a rúa Menorca foi a escollida para acoller as distintas palabras do ano escollidas desde o 2014. Rubén Arroxo afirmou que "con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega".
O Tenente Alcalde explicou que "as distintas palabras situaranse insertadas no pavimento, e estarán acompañadas acompañaranse do ano no que foron distinguidas”. Para a inserción utilizarase un material duradeiro e que permita unha visibilidade sinxela do texto.
Palabra do Ano
A escolla da Palabra do Ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As seis palabras do ano escollidas até o de agora son: corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño e Nós.
Día das Letras Galegas
Desde a área de Cultura agasallarase mañá un libro a todas as persoas que se acheguen á praza Maior entre as 12 e as 14 horas. A iniciativa inclúese dentro da proposta cultural para o día das Letras Galegas, que conta tamén con concertos de grupos de Lugo, que se emiten nas redes sociais da área de Cultura durante toda a fin de semana.