Centos de persoas recibiron un libro do Fondo Bibliográfico Municipal polo día das Letras Galegas
A área de Cultura mostrou a presenza do galego nas artes coas actividades organizadas
Maite Ferreiro: “queremos que todas as veciñas e veciños de Lugo teñan acceso á literatura en galego ”
Lugo, 17 de maio de 2021. As actividades organizadas polo Goberno Municipal polo día das Letras Galegas remataron hoxe cunha entrega de libros procedentes do Fondo Bibliográfico Municipal, que tivo lugar na praza Maior e á que se achegaron centos de veciñas e veciños de Lugo. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que “polo día máis importante da nosa lingua quixemos facilitar que toda a veciñanza tivese acceso á literatura en galego”.
A edil de Cultura destacou que “a programación do día das Letras tivo como obxectivo mostrar a presenza do galego nas distintas formas de expresión artística, con actividades que tiveron á poesía e á música como protagonistas”.
A programación da çarea de Cultura polo día das Letras comezou o día 15 de maio, co espectáculo poético musical Por Xela, Letras Galegas 2021, un espectáculo multidisciplinar adicado a Xela Arias, con 3 disciplinas artísticas: música, poesía e fotografía. Un evento que contará nove mulleres no escenario, 5 músicas da Banda da Loba e 4 poetas actuais galegas, e a proxección dos retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil.
Ademais, entre o 15 e o 17 de maio, as redes sociais da área de Cultura mostraron actuacións de 6 grupos de música de Lugo, dentro do ciclo En Galego ao teu ritmo, que tiña como obxectivo achegar a música e a celebración do 17 de maio a todas as persoas que non poden asistir ás actividades presenciais