O PORTAVOZ DO BNG EN LUGO MANTIVO UNHA XUNTANZA CO DEPUTADO DO BNG NO PARLAMENTO DO ESTADO, NÉSTOR REGO
Rubén Arroxo: “Lugo merece un tren digno que nos permita movernos polo territorio galego”
O BNG reclamará a recuperación inmediata do servizo nas mesmas condicións que antes da pandemia
Lugo, 05 de outubro de 2020. O portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza telemática co deputado do BNG no parlamento do estado, Néstor Rego, onde conversaron sobre o estado das comunicacións ferroviarias na cidade. Arroxo afirmou que “Lugo precisa un tren digno que nos permita movernos polo territorio galego”, e explicou que o primeiro paso para conseguilo “é mellorar as infraestruturas da liña A Coruña – Monforte, que antes da pandemia estaba completamente obsoleta, e que actualmente aínda segue sen estar completamente operativa”.
“Estamos a ver nos últimos días avances na renovación da estación de ferrocarril, mais seguimos cunha vía do século XIX, sen electrificar, sen dupla vía e con menos sistemas de seguridade dos que marcan os actuais estándares europeos”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “tal e como vimos defendendo desde o BNG nos últimos anos, estas melloras non só aumentarían a calidade do servizo en Lugo senón que permitirían tamén mellorar o panorama económico e social en moitas localidades”.
O BNG reclamará a recuperación inmediata do servizo ferroviario tal como se ofertaba antes da pandemia, ademais de traballar na adecuación de horarios en tres servizos, mañá, mediodía e serán, en ambos sentidos, que faciliten a chegada ás cidades e os transbordos cos servizos de Longa Distancia, xunto coa asimilación tarifaria, axudas e bonificacións en igualdade de condicións ao transporte por estrada.