Rubén Arroxo e Maite Ferreiro participan na demostración de bolos celtas do San Froilán
A demostración corre a cargo do Club Bolos Celtas Muralla
Ferreiro: “neste San Froilán quixemos contar cun xogo tradicional que ten unha grande popularidade no sur de Galiza e que se está a implantar tamén en Lugo”
Lugo, 05 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro participaron na demostración de bolos celtas que organizan a área de Cultura e o Club Bolos Celtas Muralla dentro da programación do San Froilán 2021.
Maite Ferreiro explicou que “neste San Froilán quixemos contar con actividades que fomenten a cultura galega, neste caso, un xogo tradicional que goza de moi bo recoñecemento no sur de Galiza e que está a gañar popularidade entre as veciñas e veciños de Lugo”.
“O San Froilán ten que ser unha festa que sirva para achegar a cultura galega a toda a veciñanza de Lugo e ás persoas que se achegan á cidade nestes días”, afirmou Maite Ferreiro.
A demostración de bolos celtas forma parte da primeira xornada das festas do San Froilán do 2021. Situouse no cantiño Nemesio Cobreros, ao lado do Vello Cárcere en horario de mañá (12 a 14:30) e pola tarde, entre as 18 e as 20 horas.
Os bolos celtas contan con competicións oficiais dentro da Federación Galega de Bolos. A variedade destas competicións inclúen a 1ª, 2ª e a 3ªdivisión, categorías inferiores, campionatos masculinos, mixtos, femininos e xuvenís.