Marisol Bravos inicia unha nova edición do San Froilán
Bravos deu inicio a unha nova edición da gran festa do outono galego que contará con máis de 100 actividades e concertos
Maite Ferreiro destacou que o San Froilán 2021 conta con “propostas totalmente consolidadas no calendario e propostas totalmente novidosas que serán un éxito entre a veciñanza e as persoas que visiten Lugo”
Lugo, 04 de outubro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, realizou a presentación da pregoeira do San Froilán 2021. Maite Ferreiro destacou a ampla traxectoria de Marisol Bravos “na loita pola mellora da calidade de vida de todas as persoas con discapacidade”.
A presidenta de COGAMI deu comezo a unha nova edición da gran festa do outono galego que traerá máis de 100 actividades e concertos, cunha gran presenza das agrupacións musicais e culturais de Lugo, “as grandes protagonistas ano tras ano do San Froilán”, segundo afirmou Maite Ferreiro.
O San Froilán 2021 contará tamén con actividades xa consolidadas no programa, como a mostra de Artesanía Arte San Froilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ou a quinta edición da mostra de Cultura e Tradición no Camiño, a cargo de Traxandaina. A área de Cultura tamén achega propostas novidosas ao San Froilán 2021, como a exhibición de saltos Saltar na rúa, que contará con probas de salto de lonxitude e salto de altura. “Trátase dunha proposta novidosa para Lugo e que noutras cidades contan cunha grande popularidade e son xa citas anuais moi valoradas pola veciñanza e por moitas persoas que se achegan a este evento”.
Este San Froilán contará novamente con postos lilas onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan.