Rubén Arroxo: “o novo transporte urbano conta con buses adaptados á realidade de cada barrio”

O Tenente Alcalde, acompañado de concelleiros e persoal da empresa concesionaria do transporte, visitou o novo bus que está a conectar o barrio da Ponte

Arroxo: “nos primeiros días co novo modelo de liñas está a haber un importante incremento no número de persoas usuarias”

Rubén Arroxo: “o novo transporte urbano conta con buses adaptados á realidade de cada barrio”

Lugo, 07 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado das concelleiras e concelleiros das áreas da Tenencia de Alcaldía e representantes da empresa concesionaria do transporte urbano, visitaron o barrio da Ponte, cuxa liña de bus está a ser cuberta por un dos novos buses. Arroxo explicou que “o novo modelo de transporte urbano conta tamén con buses adaptados á realidade de cada barrio, por exemplo, no barrio da Ponte, o uso dun bus de menor tamaño permite mellorar a maniobrabilidade na zona, aumentando a cantidade de veciñas e veciños que teñen acceso ao bus urbano”.

 

O edil de Mobilidade explicou que “este modelo está a aplicarse tamén no resto de barrios, onde é necesario, o que nos permitiu co deseño das novas liñas mellorar as conexións e as rúas polas que pode pasar o bus urbano”. Arroxo lembrou que “este novo modelo de mobilidade fai que Lugo conte cun transporte público do século XXI”.

 

O modelo de bus utilizado para esta liña é un Isuzu Novociti Life, que nunha lonxitude de 7.8 metros permite transportar a 21 persoas en asento e 39 de pé. O bus cumpre coa normativa de emisións de substancias contaminantes Euro VI, e conta cos últimos avances en seguridade.

Os primeiros día de funcionamento das novas liñas de transporte público mostraron o aumento no número de usuarios do bus urbano. A comparación entre o martes 25 de maio e o martes 1 de xuño mostra unha subida de máis de 1300 usuarios, pasando de 6335 o martes 25 a 7661 o pasado martes día 1. Os cambios de tráfico aplicados na contorna da Mosqueira permitiron crear preto dun cento de prazas de estacionamento a poucos minutos do centro.

Rubén Arroxo lembrou que “todas as paradas contan cun infobus virtual que da información sobre o transporte público en tempo real”. Para acceder a este sistema, deberase escanear o código QR habilitado en cada un dos infobuses, que abrirá unha páxina coa información en tempo real da parada. O Tenente de Alcalde destacou que “todas as persoas que queiran usar o bus urbano poderán saber canto tempo falta para que chegue a seguinte liña desde calquera parada da cidade”.

Rubén Arroxo: “o novo transporte urbano conta con buses adaptados á realidade de cada barrio”