ESTES NOVOS VEHÍCULOS, MÁIS EFICIENTES, INCORPORAN OS ÚLTIMOS AVANCES EN SEGURIDADE E AXUDAS Á CONDUCIÓN, E CUBRIRÁN AS LIÑAS 1 E 7A

Rubén Arroxo presenta dous novos buses para o servizo de transporte urbano

Os buses estrean deseño, que foi aprobado polo anterior goberno, ademais de conexión Wi-Fi e portos de carga USB

Rubén Arroxo presenta dous novos buses para o servizo de transporte urbano

Lugo, 13 de novembro de 2019. O Tenente de Alcalde, e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, presentou no día de hoxe os dous novos Mercedes Benz Citaro K cos que conta o concello, que comezarán a cubrir a partir de mañá as liñas 1 e 7A.”Dentro do proceso de renovación do transporte público que estamos a levar dende a área de Mobilidade e Infraestruturas inclúese a renovación dos vehículos”, indicou Rubén Arroxo, que engadiu, “queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica”.

Estes novos buses teñen un menor consumo de combustible que os modelos anteriores, polo que emiten menos substancias contaminantes, situándose as emisións do seu motor de 300Cv nun 75.3% de NOx e un 85.3% de partículas por debaixo dos niveis marcados pola normativa Euro VI.

Ademais, segundo explicou o edil nacionalista, “incorporan os últimos avances en seguridade”. En concreto, estes novos buses incorporan un posto de condución redeseñado, que permite máis comodidade para as condutoras. Ademais, incorporan un etilómetro, que impedirá o acendido do vehículo sen pasar a proba. Estes novos vehículos incorporan o arco de seguridade frontal máis avanzado do mercado, que garante a protección das persoas usuarias en caso de colisión frontal. Ademais, dispoñen de luces de xiro e un renovado chan antideslizante. Por outra banda, cumpren coa normativa antiviolcado 66.02, malia non ser obrigatoria para este tipo de vehículos.

En canto á accesibilidade, os dous novos vehículos incorporan un renovado sistema Kneeling, que permite baixar a altura do autobús para facilitar a subida das usuarias. Ademais, conta con dobre rampla para persoas con mobilidade reducida e dúas prazas para cadeiras de rodas. Á conexión Wi-Fi que xa incorporaba toda a flota engádense varios portos USB para a carga de dispositivos electrónicos.

Os dous novos buses teñen un total de 79 prazas, divididas en 23 asentos, 24 persoas de pé e incorporan unha segunda praza para persoas con mobilidade reducida. Con esta actualización, a idade media da flota sitúase en 7 anos.

Rubén Arroxo presenta dous novos buses para o servizo de transporte urbano