A ACTUACIÓN ESTARÁ DIVIDIDA EN CATRO LOTES, QUE SE ADXUDICARÁN MEDIANTE UN PROCEDEMENTO ABERTO SIMPLIFICADO
Rubén Arroxo anuncia o inicio do procedemento para o pintado da sinalización horizontal da cidade
A Xunta de Goberno aprobou tamén a ampliación do cemiterio de San Froilán e a contratación de servizos para as escolas infantís municipais
Lugo, 13 de novembro de 2019. A Xunta de Goberno aprobou, no día de hoxe, iniciar o trámite para a contratación, mediante catro lotes, das actuacións do plan de sinalización horizontal da cidade. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, que deu conta en rolda de prensa dos acordos, indicou que “traballamos así en atender a unha das necesidades da cidade que máis demandada era pola veciñanza”. Cada un destes lotes corresponde cunha zona da cidade, e a inversión total é de 1.087.904€. Unha vez adxudicadas, as actuacións terán un prazo de execución de 4 meses.
Ao respecto da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Rubén Arroxo anunciou o inicio do procedemento aberto simplificado das obras de ampliación do cemiterio de San Froilán, que consistirá “nunha das fases que xa hai proxectadas para a ampliación do cemiterio”, ademais de a mellorar o acceso a este e que, segundo Rubén Arroxo, é “unha necesidade da que se leva falando moito tempo”. Para esta actuación, aprobouse o proxecto de obra e o prego de cláusulas administrativas, ademais dunha inversión de 442.152€. Unha vez a obra esté adxudicada, as obras terán un prazo de execución de 6 meses.
Por outra banda, aprobouse a oferta dos postos que se deron de baixa nos últimos tempos no Mercado Municipal e na Praza de Abastos. Un total de 13 postos en ambas prazas, ademais de 4 cámaras frigoríficas e 4 almacéns.
Entre os postos que sairán a esta nova oferta, están os 5 do Mercado Municipal e 6 da Praza de Abastos, que foron concedidos entre o 4 de maio de 2012 e o 13 de novembro de 2013 por un prazo de dous anos, que foi prorrogado dous anos máis, e cuxa concesión actualmente está caducada, “que postos sairán á oferta pública, e poderán presentarse para ocupalos tanto as persoas que os ocuparon durante estes anos, ás que se lles contará a antigüidade, como novas ofertas”.
Ao respecto da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, Rubén Arroxo anunciou a aprobación dos pregos de prescricións técnicas e cláusulas administrativas dos servizos de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís municipais Serra de Outes e Gregorio Sanz, para os que se reservan un total de 80.800€ en Serra de Outes e 87.200€ en Gregorio Sanz, e para os que abre o procedemento de contratación por un período de 2 anos.