Rubén Arroxo presenta o proxecto de renovación integral de Isaac Díaz Pardo, no barrio de Recatelo
Arroxo: “concluímos os traballos no barrio de Recatelo, creando unha nova zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía”
A Tenencia de Alcaldía abrirá en breves o proceso de licitación das obras, coa de que os traballos comecen no verán
Lugo, 13 de decembro de 2022. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou esta mañá o proxecto de peonalización do treito final da rúa Isaac Díaz Pardo, no barrio de Recatelo. Arroxo explicou que “neste 2023 continuamos coa renovación integral de Recatelo, creando unha zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.
As obras que anunciou o Tenente Alcalde hoxe consisten no segundo treito da obra, ubicada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou Arroxo.
Os traballos, que se abrirán a licitación nas vindeiras semanas, consistirán na renovación do saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.
O proxecto sairá a licitación cun orzamento de 128.183,38€, e as obras terán un prazo de realización de 3 meses. A Tenencia de Alcaldía prevé que as obras comecen de cara ao verán e que estén rematadas antes das festas de San Froilán.
Arroxo lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía continuará neste 2023 realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanza do barrio, no que se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”.
No muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, estanse a realizar estudos técnicos para coñecer máis polo miúdo o desgaste da estrutura, o que permitirá que nos vindeiros meses se realice a renovación integral.