Rubén Arroxo presenta o proxecto de transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba

Rubén Arroxo e Alexandre Penas na presentación xunto aos técnicos

“Renovarase a estética da Porta de Santiago, onde se xuntan os tres Patrimonio da Humanidade de Lugo”, explicou Rubén Arroxo

A área de Mobilidade realizou o proxecto “pensando nunha futura actuación que permita a peonalización total deste treito”, que sairá a licitación por 575.990,77€

 

Rubén Arroxo presenta o proxecto de transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba

Lugo, 19 de febreiro de 2021. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, e persoal técnico municipal presentaron o proxecto de transformación da Ronda da Muralla, no percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. “No 2020 habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento, e este ano damos un paso máis no proxecto global de humanización da Muralla que levamos aplicando desde a nosa chegada ao goberno”, declarou Rubén Arroxo.

 

A área de Mobilidade preparou un proxecto que, segundo Rubén Arroxo “permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”. Ademais, Rubén Arroxo explicou que “o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

 

 

O alumeado deste treito consistirá en 9 luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. “Isto mellorará a percepción visual da Muralla”, explicou Rubén Arroxo.

 

En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que “os vehículos  contarán con maior fluidez, ao modificarse o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago”. Con esta actuación, o cruce pasará de ter un semáforo de 3 tempos a ter preferencia o tráfico que circule pola ronda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

 

Esta actuación sairá a licitación cun orzamento base de 575.990,77€, e un prazo de realización de 6 meses. “Unha vez rematen esta actuación e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, sentenciou Rubén Arroxo.

Rubén Arroxo presenta o proxecto de transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba