Comeza a restauración da sepultura de Xoán Montes
Cristina López: “a sepultura atópase nun estado de deterioro moi avanzado, é necesario restaurala para que os danos non sexan irreversibles”
Un equipo especializado eliminará a suciedade da peza, mantendo as marcas de envellecemento
Lugo, 20 de febreiro de 2021. A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que se veñen de iniciar os traballos de restauración da sepultura de Xoán Montes. Cristina López explicou que “a sepultura, ubicada na unidade de enterramento número 329 do Cemiterio Municipal, atópase nun estado de deterioro moi avanzado, polo que fan precisos os traballos de restauración para evitar que estes danos sexan irreversibles”.
A sepultura está a pasar por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que eliminará a suciedade das pezas, mantendo as marcas de envellecemento propias da sepultura, e na vindeira semana comezarán os traballos no lugar da sepultura no Cemiterio Municipal. A edil de Participación lembrou que “para poder realizar este traballo, tivemos que iniciar un procedemento de declaración de ruina desta unidade de enterramento, e retornala á titularidade pública”.
A edil de Participación destacou que "desde as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía queremos honrar a un dos músicos máis destacables da historia de Lugo, fundador da nosa Banda Municipal". Cristina López lembrou que no pasado ano realizouse tamén a restauración e o traslado do busto adicado ao compositor á praza Maior, en lembranza dos lugares da cidade onde desenvolveu gran parte da súa actividade musical.