Rubén Arroxo recibiu ás integrantes das Residencias Artísticas que se celebran no vello cárcere
As residencias realizaranse durante a primeira quincena de agosto, e rematarán cunha mostra aberta ao público
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas
Lugo, 02 de agosto de 2020. Durante a mañá de hoxe, o Tenente Alcalde do Concello de Lugo recibiu ás integrantes do colectivo RPM que están a realizar no vello cárcere unha investigación e creación arredor da danza e das artes vivas contemporáneas no vello Cárcere.
Arroxo deu a benvida ás artistas implicadas no proxecto e destacou "a importancia de continuar a colaborar con este tipo de proxectos para permitir o desenvolvemento da comunidade artística galega". O Tenente Alcalde destacou que "é un exercicio de diálogo entre distintas partes ao que a área de Cultura do Concello de Lugo se suma un ano máis neste esforzo por ofrecer unha rede de espazos de distinta natureza que favorezan a acollida das diversas partes dun proxecto artístico".
As artistas Miriam Rodríguez e Olga Cameselle realizarán no Vello Cárcere a peza “memorias danzantes”, que busca repensar o paso do tempo no corpo feminino desde un punto de vista interxeracional.