A área de Mobilidade facilita á asociación de xubilados e pensionistas de Lugo a obtención da Tarxeta Cidadá
Rubén Arroxo entregou 30 tarxetas do bus ás socias e socios da Asociación de Xubilados e Pensionistas
O Goberno de Lugo adquire 10.000 novas tarxetas cidadás
Lugo, 18 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto coa edil de Participación, Cristina López, entregaron a Tarxeta Cidadá ás integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo. Arroxo explicou que “desde as áreas de Mobilidade e Participación continuamos a colaborar con entidades e colectivos para que toda a veciñanza poida obter a tarxeta cidadá”.
30 socias e socios da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo recibiron hoxe a súa tarxeta cidadá, o que lles permitirá aforrar ata o 50% no prezo do billete de bus urbano.
“Unha das solicitudes que recibimos por parte deste colectivo foi aumentar as conexións co HULA, o que se convertiu nun dos cambios máis importantes no novo modelo de transporte urbano, ao aumentarse en 8 barrios máis as conexións directas co HULA con respecto ao modelo anterior”, explicou o Tenente Alcalde que engadiu "as novas liñas melloran as conexións nas zonas urbanas e periurbanas, aumentando as frecuencias e as zonas ás que chega o bus, ao que se une a posibilidade de facer transbordo con pouco tempo de espera, o que facilita os desprazamentos en bus urbano".
Novas Tarxetas Cidadás
O Concello de Lugo aprobará mañá a adquisición de 10.000 novas tarxetas cidadás. Rubén Arroxo explicou que "coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe ata nun 50% permite tamén axilizar a entrada no bus".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público. O Tenente Alcalde destacou que “Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado”.
Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.