Rubén Arroxo: “sigamos traballando para facer de Lugo un lugar mellor no que vivir”

Rubén Arroxo
Rubén Arroxo

Desde a Tenencia de Alcaldía, Rubén Arroxo valorou as accións postas en marcha polo goberno municipal no pleno do estado do concello

Arroxo: “2021 será o ano de recuperación da maior crise sanitaria dos últimos 100 anos, e o goberno estará aí para continuar activando Lugo”

Rubén Arroxo: “sigamos traballando para facer de Lugo un lugar mellor no que vivir”

Lugo, 23 de decembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, fixo balance das actuacións executadas polas áreas da Tenencia de Alcaldía do goberno municipal no debate sobre o estado do concello. Arroxo comezou a intervención agradecendo “a Lara Méndez e ao resto de edís do grupo do PSOE o esforzo amosado desde o inicio do mandato para poñer Lugo e as necesidades da veciñanza no centro”. O Tenente de Alcalde afirmou que “nos primeiros meses de goberno municipal todas as áreas sacamos adiante proxectos con entusiasmo para cubrir as necesidades das veciñas e veciños”.

Co inicio da crise sanitaria, Rubén Arroxo afirmou que “tivemos que afrontar esta crise e sacar adiante cuestións urxentes, tomando decisións sen experiencia e para as que non hai plan B”, o que exemplificou coa decisión da gratuidade do transporte urbano, que se tomou o 14 de marzo “para reducir os contactos entre o persoal da empresa e as persoas que tivesen que utilizar o servizo, dado o descoñecemento que había sobre a pandemia e o medo que moitas veciñas e veciños tiñan”.

 

Rubén Arroxo agradeceu tamén “o esforzo demostrado polo persoal municipal durante a pandemia para conseguir estabilizar a situación en momentos de moita tensión”. “Unha vez a urxencia da situación sanitaria se estabilizou, atopámonos cunha situación tráxica, xa que se tiveron que cubrir moitas necesidades, ao mesmo tempo era idónea para levar adiante certas cuestións”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “en canto a xente saíu á rúa en masa quedou claro que as cidades non estaban deseñadas para contar con espazos peonís amplos”.


Arroxo destacou a peonalización temporal dun carril da Ronda da Muralla, “que se encheu de miles de persoas que a rodeaban cada día ás 20 horas” non só como unha importante medida sanitaria que permitiu manter o distanciamento social nos primeiros días da desescalada, “ademais permitiu facer unha profunda análise das dificultades que existen  de cara a unha futura muralla peonil”.

 

“Neste tempo a cultura en Lugo non parou, o que nos fixo repensar a actividade cultural”, explicou Rubén Arroxo, ao respecto do traballo da área de Cultura, do que destacou iniciativas como o Muralleando Sen Parar, “unha forma imaxinativa de manter vivo un sector do que viven miles de familias galegas e que serviu para que, durante semanas, os grupos locais actuasen de maneira segura”. Esta programación permitiu avanzar nun San Froilán “que se converteu nun exemplo da cultura segura e que moitos concellos tomaron como exemplo”.

 

De cara ao inicio do curso escolar, o Tenente de Alcalde afirmou que moitos centros acudiron ao Concello para tratar de buscar solucións “que moitas veces estaban preto do imposible”. Arroxo destacou “o gran esforzo da comunidade educativa que permitiu levar adiante este inicio de curso”.

 

“Mentres todo mudaba a unha velocidade vertixinosa, tratamos de solucionar ao mesmo tempo os problemas da agora chamada vella normalidade, entre elas a preocupación polo número de atropelos que tiña a cidade de Lugo”, explicou Rubén Arroxo, e destacou o plan de calmado de tráfico nos entornos escolares posto en marcha pola concellería de Infraestruturas, “que permitiu nestes meses contar con 13 entornos escolares seguros, con elementos de calmado do tráfico como pasos de peóns elevados, e aos que se lle sumarán 4 centros máis nas vindeiras semanas”, segundo anunciou Rubén Arroxo. O Tenente de Alcalde afirmou que “a acollida destas medidas foi tan boa que é raro que pasen días sen recibirmos unha solicitude deste tipo de elementos nalgunha zona da cidade”.

 

“O calmado do tráfico motivou a algunhas comunidades escolares e anpas a poñer en marcha os primeiros pasos para contar con itinerarios escolares seguros”, afirmou Rubén Arroxo, que anunciou que a concellería de Educación “está a traballar nun proxecto que xa está moi avanzado e se poñerá en marcha con plans piloto a comezos do 2021”.

 

Arroxo destacou tamén outras actuacións que se executaron nestes meses, como a repavimentación de medio cento de rúas, o repintado xeral da cidade, que continuará e será ampliado a máis rúas cando a climatoloxía o permita, as campañas de dinamización da Praza de Abastos e do Mercado Municipal postas en marcha pola área de Participación e que, segundo afirmou Rubén Arroxo, “tiveron unha gran acollida como se pode ver cada sábado coa campaña O noso Mercado é un agasallo”,.

 

O Tenente de Alcalde afirmou que desde a área de Participación se continúa a traballar na mellora da Praza de Abastos, e lembrou que “de cara ao 2021 levarase a cabo a reforma do soto”. Rubén Arroxo destacou tamén, dentro das múltiples actuacións levadas a cabo no Cemiterio Municipal, “a necesaria ampliación que se completou nas pasadas semanas, a primeira que se realiza desde o ano 2006”.

 

No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Arroxo destacou os proxectos de mellora da cidade iniciados no 2020, como a peonalización de Quiroga Ballesteros, do que destacou “o bo ritmo co que avanzan desde o primeiro día” e a peonalización da Mosqueira, que se adxudicou no ano 2020 e comezará durante o vindeiro ano.

No tocante ao transporte urbano, Rubén Arroxo agradeceu a colaboración dos catro grupos da corporación a súa colaboración no proceso de elaboración das novas liñas de bus urbano, que definiu como “as mellores liñas de bus posibles”. O Tenente de Alcalde afirmou que “agardamos que a aprobación definitiva do novo proxecto de transporte público da cidade poida ir á Xunta de Goberno nos primeiros días do ano 2021”.

 

“O ano 2021 será o ano da recuperación da maior crise sanitaria dos últimos 100 anos, e desde o Concello de Lugo temos que estar á altura”, dixo Rubén Arroxo, que pediu aos grupos da oposición “responsabilidade por riba de demagoxia e outras cuestións”. O Tenente de Alcalde destacou a actitude “responsable” da oposición durante este ano e medio, “aparte das diferencias políticas e algunhas anécdotas puntuais”.

Arroxo mostrou a súa satisfacción polo traballo realizado polas áreas da Tenencia de Alcaldía durante a crise sanitaria e pola planificación de traballo preparada para o resto do mandato, e fixo un chamamento á oposición para continuar na liña da “responsabilidade e seriedade que demanda a actualidade”. “Sigamos así para facer de Lugo un lugar moito mellor para vivir e para visitar”, rematou Rubén Arroxo

Rubén Arroxo: “sigamos traballando para facer de Lugo un lugar mellor no que vivir”