UN DOS RETOS PARA O TENENTE ALCALDE É “AVANZAR NA MELLORA DUNHA MOBILIDADE PENSADA PARA AS PERSOAS”
Rubén Arroxo: “Traballamos para compartir a ilusión e o orgullo de vivir en Lugo”
Arroxo referiuse ao traballo feito dende ás áreas que dependen da tenencia de alcaldía e sinalou que “o goberno municipal é unha ferramenta ao servizo da veciñanza para que Lugo funcione”
Lugo, 15 de xuño de 2020. Cúmprese un ano da toma de posesión da corporación municipal tras as eleccións municipais do ano 2019, unha toma de posesión que daría lugar a un acordo de goberno entre o BNG e o Partido Socialista. Dende a Tenencia de Alcaldía, Rubén Arroxo, valorou positivamente este ano transcurrido dende a conformación da corporación. Arroxo referiuse ao traballo feito dende ás áreas que dependen da Tenencia de Alcaldía e sinalou que “o goberno municipal é unha ferramenta ao servizo da veciñanza para que Lugo funcione”
“Un dos primeiros retos ao chegar ao goberno foi facer unhas festas do San Froilán á altura que Lugo merece e coido que o conseguimos” sinalou Rubén Arroxo que tamén lembrou “dende a área de Cultura deuse un importante pulo a actividade na cidade e estase a traballar man con man co tecido cultural da cidade”.
Arroxo gradeceu “o gran esforzo do persoal municipal das distintas áreas de goberno”. “É destacable o traballo realizado polo persoal municipal nunha situación tan complicada como o estado de Alarma”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “durante os días máis complicados da crise sanitaria avanzouse en proxectos importantes para a transformación de Lugo grazas ao traballo do persoal das distintas áreas de goberno”
Rubén Arroxo destacou tamén a colaboración dos grupos da oposición “que tiveron unha actitude propositiva en asuntos clave para a transformación de Lugo como a reformulación das liñas de bus”.
Segundo o Tenente de Alcalde, as propostas achegadas polas veciñas e veciños tamén foron importantes para a planificación do traballo desde as áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía. “O goberno é unha ferramenta para mellorar o municipio e o noso afán é colaborar coas veciñas que nos presentan propostas” afirmou Rubén Arroxo.
Nas áreas que dependen da Tenencia de Alcaldía estanse a desenvolver importantes cuestións relacionadas coa mobilidade, entre elas, a peonalización de Quiroga Ballesteros ou o tramo da Ronda da Muralla da Mosqueira, “ou o peche dun carril da Ronda da Muralla que permitiu ás veciñas e veciños de Lugo gañar unha zona peonil de 2.5 Km e avanzar de cara a unha muralla sen coches”.
Ao respecto da área de Infraestruturas Urbanas, Rubén Arroxo lembrou “o traballo realizado nos distintos barrios, sempre actuando por igual en toda a cidade e procurando mellorar a calidade de vida de todas as veciñas e veciños”. “Ademais, realizaronse múltiples xestións para unificar contratos de mantemento, cuestións que quizais non sexan tan percibidas no día a día da veciñanza, pero que permitirán aforrar diñeiro público”, declarou Rubén Arroxo.
“Desde a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua conseguiuse consolidar ao San Froilán como a gran festa do outono galego e darlle o protagonismo das festas aos grupos de Lugo”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou “as distintas novas maneiras de sacar a cultura ás rúas para que chegue a todas as veciñas e veciños”. “O peso da área de Cultura volveuse moito máis importante durante o confinamento, con distintas iniciativas para facer os días na casa máis levadeiros, e propoñendo actividades, como o proxecto Tecendo Brincadeiras ou o ciclo Muralleando Sen Parar, que nas distintas fases da desescalada permitiron acceder a entretemento sen descoidar as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias”, declarou Rubén Arroxo, que afirmou que “a campaña Lugo Km 100 poñerá a Lugo no mapa para as persoas que aposten polo turismo de interior”.
Na área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Arroxo destacou “proxectos moi solicitados nos últimos tempos polas veciñas e veciños de Lugo, como a primeira ampliación do Cemiterio Municipal en máis de 10 anos ou o servizo de compra telefónica na praza de Abastos e no Mercado Municipal”.
Ao respecto da área de Educación e Difusión do Coñecemento, Arroxo resaltou “a ampliación do servizo de madrugadoras e madrugadores a todos os centros de ensino, unha solicitude moi demandada polas familias e que se poñerá en marcha a partir do curso 2020-2021”. “Ademais, a concellería de Educación reduciu os prazos de moitos trámites administrativos, como as axudas para material escolar, que permitiu que as librerías de Lugo tiveran acceso a máis de 30.000€ en moito menos tempo que en anos anteriores”.