Rubén Arroxo visita a mostra Cultura e Tradición no Camiño no Vello Cárcere
A mostra organizda por Traxandaina celebra este ano a súa quinta edición e cada día conta con dous artesáns
Hoxe contouse coa presenza do ouriveiro Adolfo Domínguez e do fabricante de gaitas Lis Latas
Lugo, 09 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación, Cristina López, e Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, visitaron a mostra Cultura e Tradición no Camiño que este ano se celebra no Vello Cárcere. A mostra, organizada anualmente por Traxandaina coa colaboración da área de Cultura celebra este ano a súa quinta edición, é unha cita consolidada no programa do San Froilán que permite á veciñanza de Lugo desfrutar da mostra de dous artesáns cada día das festas do San Froilán.
O Vello Cárcere conta hoxe coa presenza do ouriveiro Adolfo Domínguez, e do fabricante de gaitas Lis Latas, ambos artesáns procedentes de Lugo e que gozan dun gran recoñecemento no seu eido de traballo. A mostra conta tamén coa exposición de traxes tradicionais galegos de Traxandaina, formada a partir dos resultados obtidos tras moitos anos de investigación, reproducción e recollida de vestimenta tradicional.
A mostra Cultura e Tradición no Camiño contará con Carmen Fieiras (cestería) e Álvaro M. Leiro (confección de carozas) mañá, domingo 10. O luns 11, Ton Arenas levara adiante unha demostración de confección de títeres e Raquel León mostrará os seus traballos de encadernación e pecharán a mostra o vindeiro martes 12 o alfareiro Marcelo Skapinakis e a orfebre Carla Alfaia.
O obradoiro de artesanía Traxandaina conta cun gran recoñecemento entre o tecido cultural galego. Contan con múltiples recoñecementos polo seu traballo recuperando o traxe tradicional galego, entre o que destaca o premio Artesanía de Galiza. Encárganse tamén de vestir a parte da corporación municipal co traxe tradicional no Domingo das Mozas.